Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

Educonvives.gal

Estratexia galega de convivencia escolar

 

Procedemento corrector de condutas

No marco da Estratexia galega de convivencia escolar 2015-2020, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria proporciona aos centros docentes unha ferramenta para desenvolver o procedemento corrector de condutas contrarias ás normas de convivencia, que guía a actuación do profesorado nestes casos. Esta ferramenta consta dunhas orientacións que pretenden dar resposta ás cuestións máis frecuentes que se formulan os centros cando se enfrontan a unha situación desta índole, e uns modelos normalizados que recollen o procedemento que cómpre seguir para a súa tramitación. Acompáñanse estes dous documentos cun mapa gráfico que ilustra todo o proceso.

Asimesmo, ponse a disposición dos centros educativos unha versión actualizada do protocolo xeral de prevención, detección e tratamento do acoso e ciberacoso escolar. Tanto o documento como os anexos que o acompañan, pretenden facilitar e axilizar a súa posta en práctica, recollendo estratexias de prevención e de actuación, así como a lexislación relativa a todo o procedemento.

  • Aclaración

Respecto das dúbidas xeradas pola recente entrada en vigor da "Ley 39/2015 del procedimiento administrativo común de las administraciones públicas", que establece no seu artigo 90.3 sobre especialidades na resolución dos procedementos sancionadores que:

 "3. La resolución que ponga fin al procedimiento será ejecutiva cuando no quepa contra ella ningún recurso ordinario en vía administrativa [...]"

e o seu encaixe co previsto no artigo 25.8 da Lei 4/2011, de 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa:

"8. A resolución da persoa titular da dirección do centro pon fin á vía administrativa e será inmediatamente executiva. Contra a resolución da persoa titular da dirección do centro cabe instar a revisión ante o Consello Escolar no prazo de dez días lectivos nos termos previstos na alínea f) do artigo 127 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación."

sinálase que, tal e como se especifica na exposición de motivos da Lei 4/2011:

"É no procedemento de aplicación das medidas correctoras onde máis profunda é a reforma que esta lei leva a cabo. Nela combínase o principio de que estas medidas teñen un carácter educativo que se frustra se non existe inmediatez entre a súa aplicación e a conduta que se pretende corrixir co imprescindible respecto dos dereitos e garantías de defensa do alumnado."

Polo tanto non procede entender o procedemento de corrección de condutas contrarias á convivencia como un procedemento sancionador da administración pública senón como un proceso re-educativo e corrector no que, non obstante, por asimilación, se adoptan medidas similares pero non idénticas ás establecidas no procedemento administrativo común, cunha vontade garantista. Non se pode perder de vista a necesidade de inmediatez das correccións, que, dilatadas no tempo perden a súa efectividade no proceso educativo.

Así, ao carecer desta natureza sancionadora, tratandose dun proceso propiamente educativo, as medidas correctoras impostas, de conformidade coa Lei 4/2011, son inmediatamente executivas.

Protocolo de Urxencias Sanitarias

As actuacións en urxencias sanitarias e a atención nos procesos e condicións de saúde que afectan ao alumnado por un tempo prolongado ou ao longo de toda a súa vida, son claves na construción dun clima escolar pacífico, positivo e respectuoso coa diversidade. No marco da Estratexia Galega para a Convivencia Escolar, ponse a disposición da comunidade educativa galega un Protocolo básico que será paulatinamente complementado por diferentes Addendas.

 

Protocolo de Atención educativa domiciliaria

Co obxecto de mellorar a atención a Conselleria impulsa, dentro da Estratexia Galega de Convivencia 2015-2020 un protocolo para a atención educativa do alumnado que deba permanecer convalecente no domicilio por lesión, doenza prolongada ou enfermidade crónica sempre a criterio médico. Neste protocolo determínanse os procesos de solicitude, tramitación, elaboración, coordinación e seguimento do programa individualizado, e a participación e apoio das familias. Así mesmo, facilítanse modelos dos principais documentos necesarios.

 

Orientacións sobre Plan de Convivencia

Achéganse orientacións para facilitar e acompañar os procesos de elaboración, revisión e actualización dos Plans de Convivencia dos Centros, no marco da normativa vixente.

 

Protocolo de identidade de xénero

 

Protocolo de prevención e actuación nos ámbitos sanitario e educativo ante o risco suicida infanto-xuvenil

Este Protocolo enmárcase dentro das liñas estratéxicas da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025, o Plan de Prevención do Suicidio en Galicia xunto co Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024, e en cuxa elaboración participou activamente a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Elabórase este protocolo desde unha visión global multidisciplinar e interinstitucional desta problemática, sendo un modelo de actuación que pretende ser un marco global orientativo que cada centro educativo poderá adaptar e contextualizar á súa realidade e características concretas e formará parte do Plan de Convivencia.

 

I Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020

A Comunidade Autónoma de Galicia e a Administración educativa amosa, coa publicación deste I Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia, o seu compromiso coa igualdade de oportunidades e de xénero coa finalidade de promover a construción dun novo modelo formativo capaz de abranguer por igual o feminino e o masculino. O camiño para avanzar cara á igualdade é a educación. O respecto, a liberdade e a igualdade son tres dos piares básicos.

 

Guía de actuación ante casos de violencia de xénero no ámbito educativo

Achéganse orientacións para facilitar e acompañar as situacións de violencia de xénero que se produzan dentro do contexto escolar. A Guía ofrece un procedemento de actuación, estratexias de comunicación, recursos de apoio específicos e modelos de documentos tipo para documentar o proceso.

 

Protocolo de Protección de datos

Protocolo que recompila e aclara as cuestións normativas máis relevantes ao respecto da Protección de Datos de carácter persoal. Trátase dun documento vivo porque irá incorporando os diferentes cambios normativos europeos, estatais e autonómicos, así como os diferentes e progresivos ditames da Axencia Española de Protección de Datos, a medida que xurdan. Para facilitar o seguimento destes cambios, o documento incorpora unha táboa coa mención á versión de que se trata. Por todo iso recoméndase a súa consulta en formato electrónico.

 

Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020. Informe de diagnose

Documento que recolle os principais resultados agregados da diagnose elaborada no marco da Estratexia Galega de Convivencia (educonvives.gal). Todos os centros teñen, desde o mes de decembro, os seus informes personalizados, elaborados de modo automatizado e totalmente anónimo.

Este informe de diagnose supón unha visión global da nosa comunidade que sirva para tomar decisións de mellora baseadas en evidencias.

 

Cuestionario de convivencia 2015

No marco da Estratexia galega de convivencia escolar 2015-2020, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria elaborou un cuestionario de recollida de datos dos distintos sectores da comunidade educativa (dirección, alumnado, profesorado, familias e persoal non docente) co fin de facilitar a elaboración dos plans de convivenca dos centros e de establecer o clima escolar de Galicia, guiando as accións de mellora deste.

Esta recollida de datos faise mediante unha ferramenta informática en liña, de xeito automatizado e totalmente anónimo, a través da aplicación convivenciaxestion.

Co propósito de facilitar o uso desta aplicación, achéganse os seguintes documentos informativos:

 

Enquisa de diagnose da convivencia 2021

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade pon en marcha a III macroenquisa de diagnose da convivencia 2021 dirixida ao conxunto da comunidade educativa galega (profesorado, alumnado a partir de 5º de primaria, persoal non docente e familias). O prazo está aberto desde o 12 ata o 29 de abril, ambos incluídos. Esta acción enmárcase dentro da futura Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2021-2025.

Os centros educativos establecerán as medidas necesarias para o acceso do alumnado ás aulas de informática para cubrir os cuestionarios. Igualmente posibilitará que o profesorado e o persoal de administración e servizos poida acceder aos mesmos.

En canto ás familias, a dirección do centro facilitaralles as claves de acceso coas indicacións precisas sobre como actuar.

Esta recollida de datos faise mediante unha ferramenta informática en liña, de xeito automatizado e totalmente anónima, a través da aplicación convivenciaxestion.

Documentos informativos:

 

Enquisa de diagnose da convivencia 2023

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades pon en marcha este curso académico a IV macroenquisa de diagnose da convivencia escolar, dirixida ao conxunto da comunidade educativa galega (alumnado a partir de 5º de educación primaria, profesorado, persoal non docente e familias).

Esta iniciativa enmárcase dentro da actual Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025 e o prazo de participación estará aberto desde o 2 ata o 22 de maio, ambos os dous incluídos.

Os centros educativos establecerán as medidas necesarias para o acceso do alumnado ás aulas de informática para cubrir os cuestionarios. Do mesmo xeito, facilitarán a participación do profesorado e do persoal de administración e servizos.

En canto ás familias, a dirección do centro facilitaralles as claves de acceso coas indicacións precisas sobre como actuar.

Esta recollida de datos faise mediante unha ferramenta informática en liña, de xeito automatizado e totalmente anónimo, a través da aplicación convivenciaxestion (https://www.edu.xunta.gal/convivenciaxestion/).

Documentos de interese:

 

Identidade dixital

Que é unha conexión segura?

Como podemos exercer unha cidadanía activa e participativa en Internet?/p>

Que é o sexting? É certo que en Internet non hai fronteiras?

... así máis de 50 preguntas respondidas con rigor pero cunha linguaxe clara e cercana en forma de pequenas pílulas de vídeo e co apoio dunha guía de referencia. Porque todos podemos e debemos ser quen de ter unha identidade dixital coa que nos sintamos a gusto.

 

I Premio ConVivimos 2023