A Consellería de Cultura e Educación e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil renovan a súa colaboración para facilitar a entrada ao mundo laboral aos titulados da FP galega

Román Rodríguez e Francisco Marín asinaron hoxe un convenio a través do que dous titulados de Formación Profesional realizarán prácticas nas instalación da CHMS na Comisaría de Augas de Ourense

Lun, 14/09/2015 - 13:45
A Consellería de Cultura e Educación e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil renovan a súa colaboración para facilitar a entrada ao mundo laboral aos titulados da FP galega
A Consellería de Cultura e Educación e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil renovan a súa colaboración para facilitar a entrada ao mundo laboral aos titulados da FP galega

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Francisco Marín; asinaron hoxe un convenio a través do que dous titulados de Formación Profesional realizarán prácticas nas instalación desta entidade na Comisaría de Augas de Ourense. Deste xeito, ambas as institucións renovan a súa colaboración para facilitar a entrada dos titulados da FP galega no mundo laboral.

Neste sentido, o conselleiro lembrou que o seu departamento se ten esforzado nos últimos anos por reforzar a imbricación entre a FP e as contornas reais de traballo, ben a través das empresas ou de outras institucións. O exemplo máis significativo son os 29 proxectos de Formación Profesional Dual postos en marcha, unha formación que combina o tempo de estudo no centro con traballo efectivo en empresas reais, o que supón un contacto moi beneficioso do alumnado co mercado laboral.

Así mesmo, téñense reforzado os convenios con empresas para que os alumnos realicen o período de Formación en Centros de Traballo (FCT), así como a colaboración con diferentes institucións para a impartición de ciclos de FP nas instalacións máis axeitadas e cos recursos idóneos, acordos tales como coa Vitivinícola do Ribeiro, entre outras.

Requisitos

O CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel seleccionará aos bolseiros de entre os que finalizaran no curso 14/15 o ciclo de grao superior de Laboratorio e Análise e Control da Calidade. O período de prácticas terá unha duración dun ano, e será remunerado a través dun sistema de bolsas, polo que os beneficiarios non suplirán en ningún caso a ningún traballador no Laboratorio de Análise e Calidade das Augas da devandita Comisaría.

A CHMS achegará á Consellería 20.000 euros para a convocatoria destas 2 bolsas de formación, que serán xestionadas a través do CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel.