Case 14.000 alumnas e alumnos realizaron prácticas de FP en empresas de Galicia e do estranxeiro durante o curso pasado

A través da FCT (formación en centros de traballo), o alumnado desenvólvese nun ámbito produtivo real que lle permite seguir afondando nos seus coñecementos e, ao mesmo tempo, prepararse para o futuro mundo laboral

Mér, 16/09/2015 - 15:59

Durante o curso 2014-2015, un total de 13.979 alumnos e alumnas realizaron formación práctica en 10.866 centros de traballo de toda Galicia e fóra da Comunidade; de feito 500 deles optaron polo estranxeiro. Isto supón algo máis de 5,5 millóns de horas empregadas no obxectivo de completar a formación que os estudantes reciben na aula, o que demostra tamén o compromiso e implicación do tecido empresarial galego coa xente moza.

A formación en centros de traballo (FCT) é un módulo de carácter obrigatorio en todos os ciclos formativos que permite ao alumnado desenvolverse nun ámbito produtivo real, realizando actividades propias do perfil profesional para o que se está preparando.

Deste xeito, e ademais de poñer en práctica e seguir afondando nos coñecementos adquiridos nos centros educativos, os rapaces e rapazas experimentan de preto o funcionamento dunha empresa, o que os prepara para o futuro mercado laboral. De feito, estas prácticas buscan favorecer e mellorar a inserción profesional dos mozos e mozas.

Ademais, a Consellería de Cultura e Educación leva investido máis de 8 millóns de euros desde 2009 para apoiar ao alumnado en prácticas nos seus desprazamentos.

Ampla oferta

Cómpre recordar que estas prácticas en empresas son posibles grazas á ampla oferta de ciclos formativos que cada ano realiza o departamento educativo da Xunta, permitindo incrementar así a matriculación curso a curso. De feito, e segundo as previsións iniciais da Consellería, neste 2015-2016 matricularanse en torno a 53.400 alumnos e alumnas, o que suporía un 3,4% máis con respecto ao ano pasado.