Cultura e Educación e a empresa Seat reforzan a súa colaboración no eido da formación práctica do alumnado de FP coa entrega dun vehículo ao IES nº 1 de Ordes

O director xeral de Educación, Manuel Corredoira, asistiu ao acto de entrega do coche

Mér, 07/10/2015 - 13:57

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a empresa SEAT seguen afondando na vía de colaboración aberta co obxectivo de mellorar a formación práctica do alumnado de FP. Neste caso, a unión de forzas visualízase coa entrega do vehículo Seat Exeo ao IES nº 1 de Ordes, cun especial interese para a familia profesional de Transporte e mantemento de vehículos. Ao acto asistiu o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira.

Con esta acción, a empresa automobilística contribúe a que o alumnado da FP galega poida realizar formación práctica con recursos reais. Trátase, ademais, dunha colaboración habitual, xa que tamén se destinaron cadanseus turismos ao alumnado de FP do IES da Cañiza e ao CIFP Politécnico de Santiago.

Este tipo de iniciativas, que tamén se desenvolven en colaboración con outras empresas de fabricación de vehículos, favorecen a creación de sinerxías entre empresa e sistema educativo, xa que os estudantes serán os futuros traballadores e axentes fundamentais para o crecemento e innovación na súa industria en particular, e para o tecido empresarial galego en xeral.

Ademais do director de Educación, ao acto no centro tamén asistiron o delegado de Satisfacción Cliente & Posventa de Seat España, Juan Carlos González Saavedra; o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo; o director do IES nº 1 de Ordes, Juan Jesús Fernández Porto; membros do departamento de Automoción do IES; e Carlos Soneira e Roberto Soneira, en calidade de representantes de Talleres Soneira (servizo oficial de Seat en Ordes).