O Goberno galego recoñece cinco proxectos innovadores desenvolvidos por alumnos e alumnas de FP no marco do programa ‘Eduemprende Idea 2015’

Unha granxa intelixente, unha empresa de vehículos de inercia, unha proposta para a implantación de códigos QR nas lápidas, un salón de beleza ecolóxico e unha empresa de turismo activo foron as propostas que resultaron galardoadas nesta edición

No acto de entrega dos premios, o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, aludiu á innovación como clave de futuro e, neste senso, subliñou que iniciativas coma o Plan de Emprendemento son unha ferramenta fundamental para que os máis novos transformen a súa creatividade en proxectos reais

Mér, 21/10/2015 - 14:16
O goberno galego recoñece cinco proxectos innovadores desenvolvidos por alumnos e alumnas de FP no marco do programa ‘Eduemprende Idea 2015’
O goberno galego recoñece cinco proxectos innovadores desenvolvidos por alumnos e alumnas de FP no marco do programa ‘Eduemprende Idea 2015’

A Xunta de Galicia vén de galardoar cinco proxectos empresariais deseñados por alumnos e alumnas de Formación Profesional, no marco do ‘Eduemprende Idea 2015’, unha iniciativa posta en marcha polas Consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Economía, Emprego e Industria, co fin de impulsar e apoiar o espírito emprendedor entre o estudantado galego. A entrega dos galardóns tivo lugar hoxe nun acto que presidiu o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, que estivo acompañado do director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, e de representantes do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Na súa intervención, Román Rodríguez salientou non só a creatividade do alumnado á hora de deseñar os seus proxectos, senón tamén a viabilidade dos mesmos desde o punto de vista técnico, legal, económico, comercial e financeiro. “A innovación é a clave do futuro” e “as persoas, o talento e as ideas son o máis importante”, destacou o conselleiro, quen subliñou tamén a necesidade de que as ideas e a creatividade se convertan en proxectos reais. “Neste salto da idea á realidade, a administración ten a responsabilidade de axudar, de que a idea xermine”, abondou o titular do departamento educativo da Xunta.

Cinco anos en funcionamento

Nesta liña, o conselleiro referiuse ao Plan de Emprendemento no sistema educativo de Galicia (Eduemprende), que en 2010 puxo en marcha a Consellería de Cultura e Educación en colaboración co Igape, co obxectivo estratéxico da implantación da cultura emprendedora entre a comunidade educativa a través de catro eixos: o apoio ao alumnado, a posta en marcha de proxectos empresariais viables e a posta en práctica de ideas innovadoras de negocio, e a coordinación e aproveitamento de iniciativas. Deste xeito, Román Rodríguez salientou que hoxe a FP “é unha modalidade de ensino tremendamente prestixiada e con capacidade para sacar adiante proxectos adaptados aos tempos, así como para ofrecer nichos de mercado, como demostran os proxectos que aquí acaban de expoñerse”.

Os premios van dirixidos a alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas e de artes plásticas e deseño de centros públicos galegos. Nesta edición falláronse tres proxectos na modalidade de ciclos de grao superior e outros dous correspondentes a alumnado de ciclos de grao medio.

Proxectos galardoados en grao superior

Na modalidade de grao superior, o primeiro premio (dotado con 3.000 euros) recaeu no proxecto denominado ‘Granxa intelixente’, realizado por catro alumnos do IES Politécnico de Vigo. Trátase dunha cooperativa centrada no ámbito agropecuario que, a través dun modelo baseado na Industria 4.0, obtén un alto grao de automatización e dixitalización dos procesos desenvoltos nas explotacións agrícolas e gandeiras, convertíndoas en Smart Farming.

O segundo premio (con 2.000 euros) foi para un alumno do IES 12 de Outubro (Ourense) e outro do CIFP A Farixa (Ourense), por “Inercia 2.0 S.L.”, unha empresa pioneira no deseño e fabricación de todo tipo de vehículos de inercia, dirixidos ao público en xeral, pero tamén á competición.

O terceiro premio foi para dous alumnos do IES San Clemente (Santiago), que recibiron 1.000 euros polo proxecto ‘Eternal 2.0. Un recordo para toda a vida’, unha iniciativa que  vén a introducir a aplicación directa das novas tecnoloxías nos servizos funerarios,   plataforma on-line de condolencias ou códigos QR nas lápidas, son algunhas das innovacións deste proxecto.

Premiados en grao medio

Na modalidade de grao medio, foron escollidos dous proxectos. O primeiro premio (3.000 euros) recaeu no proxecto ‘Ecosalón’, desenvolvido por tres alumnas do CIFP Someso (A Coruña), que introducen un novo concepto de espazo global unisex urbano, no que se unen os coidados estéticos, de beleza e de relaxación, baixo o denominador do uso exclusivo de  produtos ecolóxicos.

Finalmente o segundo premio nesta modalidade (dotado con 2.000 euros) foi para dous alumnos do IES Terra de Turonio (Gondomar), por ‘Bai aventura’, unha empresa de turismo activo cun servizo integral de actividades de aventura mar-montaña.

Estes premios levan consigo a incorporación ás instalacións e servizos da Rede de viveiros de empresa en centros educativos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o acceso ao asesoramento técnico do persoal do IGAPE, así como a dotación económica, xa mencionada.