Román Rodríguez loa as escolas de indianos no 85 aniversario do edificio da Asociación Cultural Vista Alegre, na Bandeira

O local botou a andar como escola laica en 1930 grazas ás achegas dos veciños da zona que emigraron a Bos Aires

Ven, 30/10/2015 - 21:00

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe nos actos de conmemoración do 85 aniversario do edificio da Asociación Cultura Vista Alegre, da Bandeira, onde loou a importancia das escolas de indianos no avance educativo e cultural da poboación galega.

O edificio desta Asociación botou a andar como escola laica en 1930, grazas ao esforzo colectivo dos veciños da zona que emigraron a Bos Aires. Foi en 1978 cando pasa a converterse en centro social do pobo e, por ende, en foco dinamizador cultural.

Na súa intervención, o conselleiro fixo un percorrido pola “particular intrahistoria” dun local no que moitos veciños e veciñas da zona aprenderon a ler e escribir “xa que inicialmente funcionou como unha pequena universidade”. “Foi unha dos varios centos de escolas construídas e sostidas polas achegas dos emigrantes, que espallaron cultura polas vilas e aldeas galegas”, describiu Román Rodríguez, quen tamén destacou o labor destes centros como “semente de modernismo ao servizo da galeguidade”.

No acto conmemorativo tamén se nomeou a Xosé Neira Vilas socio de honra da Asociación Vista Alegre, unha distinción que, segundo o conselleiro, ten a súa razón de ser “polo seu prominente labor a prol do espallamento da cultura galega desde a emigración”.