O Sistema Universitario de Galicia participa na Feira Europosgraos, en Colombia, para mellorar a súa internacionalización

O obxectivo é acadar o 3% de alumnado estranxeiro no ano 2020

Xov, 05/11/2015 - 10:15

O Sistema Universitario de Galicia (SUG) participa esta semana na Feira Europosgraos, que se desenvolve nas cidades colombianas de Medellín e Bogotá entre o 5 e o 8 de novembro, co fin de mellorar a súa internacionalización. O obxectivo de Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no evento polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, é que as universidades galegas acaden o 3% de alumnado estranxeiro no ano 2020.

Os últimos datos dispoñibles, correspondentes ao curso 2013/2014, cifraban en 1.184 as alumnas e alumnos procedentes de outros países que estaban matriculados en graos e master do SUG. Isto representaba o 1,82% do alumnado total, cunha lixeira mellora sobre o curso anterior, 2012-2013, no que representaba o 1,80%. Por universidades, o maior número de alumnado estranxeiro atopábase na Universidade de Santiago de Compostela (USC), con 687 matrículas (58% do total galego); seguida da de  Vigo (UVigo), con 301 estudantes de fóra de España. Finalmente, na Universidade da Coruña (UDC) estudaban 196 estranxeiros. Por áreas de estudo, o alumnado estranxeiro concentrouse nas titulacións de Ciencias da Saúde (433 estudantes), e Ciencias Sociais e Xurídicas (397). Por países de procedencia, destaca Colombia con 69 estudantes, seguida de Perú (62), Venezuela (60), Brasil (56), Arxentina (43), e México (40).

Co fin de avanzar nesta senda, e segundo o acordado coas universidades do SUG, o Plan Galego de Financiamento Universitario 2016-2020 desenvolverá accións específicas de mellora de calidade orientadas á internacionalización das universidades galegas; dando continuidade ás accións que xa se realizan para promover a presenza galega en eventos internacionais nos que se contacta con universidades europeas, americanas e asiáticas en prol da captación de alumnado e o intercambio de profesores.

Europosgraos

Europosgraos é a única feira de estudos superiores europeos que se celebra en Colombia. Nela participan 104 institucións europeas de ensino universitarios, pertencentes a 11 países (Alemania, Italia, Reino Unido, España, Francia, Bélxica, Irlanda, Suecia, Países Baixos, Suiza, e Letonia). Como xa se comentou, Colombia é importante na mellora da internacionalización posto que é o país que achega o maior número de estudantes estranxeiros ao sistema universitario galego.