Cultura e Educación concede as axudas para agrupacións estratéxicas cun investimento total de 2 millóns para impulsar a competitividade e calidade da investigación nas universidades

Estas 4 agrupacións do SUG contarán con financiamento estrutural para desenvolver investigación de alto nivel en campos estratéxicos para Galicia

Xov, 05/11/2015 - 13:20

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de adxudicar 4 axudas a agrupacións estratéxicas do Sistema universitario de Galicia (SUG) co fin de que conten con financiamento estrutural para desenvolver investigación de alto nivel en campos estratéxicos para Galicia. A resolución sae publicada hoxe no DOG e  pode consultarse no seguinte enlace http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20151105/AnuncioG0164-281015-0001_es.html.  

O obxectivo último pasa por consolidar un sistema investigador con capacidade de liderado, estabilidade e dimensión necesaria para desenvolver o seu traballo a longo prazo en áreas prioritarias para a Comunidade galega.

Financiamento de 500.000 euros

As axudas para agrupacións estratéxicas van dirixidas a impulsar unha contorna axeitada e atractiva para o desenvolvemento da actividade científica no eido universitario, fomentando estratexias de cooperación “supragrupo” que permitan incrementar tanto a calidade das actuacións en I+D como a capacidade de asumir novos retos favorecendo a agrupación de capacidades. A axuda prevé un importe de 500.000 euros en tres anualidades para cada unha das agrupacións seleccionadas.

En total presentáronse 9 propostas distintas das que, tras un exhaustivo proceso de avaliación, foron seleccionadas as 4 gañadoras. En todo caso, as que non obtiveron esta axuda contarán coa estabilidade necesaria para seguir desenvolvendo o seu traballo, profundando na súa eficiencia a fin de poder concorrer con maiores garantías a vindeiras convocatorias. Entre as agora seleccionadas, dúas delas pertencen á Universidade de Santiago de Compostela (USC), unha á Universidade da Coruña (UDC) e outra á Universidade de Vigo (UVigo). Ademais, abranguen distintas áreas de coñecemento.

Universidade de Santiago de Compostela

Por parte da USC, a agrupación do Centro de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CITA) está coordinada polo investigador Juan Lema Rodicio, catedrático do Departamento de Enxeñaría Química da USC. Composta por 8 grupos da USC que desenvolven a súa actividade nas facultades de Bioloxía, Física, Psicoloxía, Química, no Instituto de Investigacións tecnolóxicas e na Escola superior de Enxeñaría, pretende consolidar un Centro de investigación que sexa referencia no desenvolvemento e avaliación de tecnoloxías ambientais sostibles que permitan minimizar impactos e riscos, así como recuperar recursos en procesos que sexan económica, social e ambientalmente sostibles.

A Agrupación Estratéxica de Física (AEFIS) está coordinada por Carlos Salgado López, investigador que conta cunha axuda Starting Grant do ERC (Consello Europeo de Investigación). Confórmana 5 grupos de Física da USC coa colaboración do laboratorio de óptica do campus de Ourense da UVigo. A actividade dos seus investigadores basearase, por unha parte, en aplicacións en tecnoloxía facilitadoras básicas que axuden na diversificación de sectores industriais e, por outra, en aplicacións na diagnose e tratamento de enfermidades.

Universidade da Coruña

Coordinada polo investigador Jaime Rodríguez González, profesor titular da Facultade de Ciencias, a CICA-INIBIC (UDC) agrupa as capacidades do Centro de Investigacións Avanzadas (CICA) e do Instituto de Investigación biomédica da Coruña (INIBIC). A posta en marcha desta agrupación constitúe unha aposta pola creación dun polo de investigación que poña en valor a ciencia básica en química, bioloxía e medicina a as súas aplicacións nos campos de novos materiais, a biotecnoloxía, o medioambiente e a biomedicina.

Universidade de Vigo

Por último, na Universidade de Vigo, a agrupación Economics and Business Adminitration for Society (ECOBAS) está coordinada polo investigador Carlos Hervés Beloso (catedrático da Uvigo) e constituída por 11 grupos da dita universidade e un da UDC. O seu obxectivo é unificar e consolidar a colaboración entre grupos de investigación de referencia no ámbito da economía e a empresa para maximizar o impacto académico, económico e social das súas actividades de I+D+I consolidando un polo de excelencia con capacidade de asumir novos retos dun xeito multidisciplinar e colaborativo.

Menús News node R

Colectivo

Tema

Ensinanza