Cultura e Educación traballa para renovar todas as Bibliotecas Escolares e achegar os seus beneficios ao conxunto da comunidade educativa

O conselleiro Román Rodríguez salientou que a presenza activa destes espazos nos centros tradúcese en mellores resultados educativos no que atinxe á comprensión lectora dos escolares

As VI Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia reúnen en Santiago a preto de mil profesionais deste ámbito para debater e compartir experiencias sobre o impacto das bibliotecas en materia de lectura e de traballo coa información

Ven, 20/11/2015 - 18:10
 Cultura e Educación traballa para renovar todas as Bibliotecas Escolares e achegar os seus beneficios ao conxunto da comunidade educativa
Cultura e Educación traballa para renovar todas as Bibliotecas Escolares e achegar os seus beneficios ao conxunto da comunidade educativa

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria seguirá apostando nos próximos anos por afianzar ferramentas específicas como o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) ou o Plan Lía (de Lectura, Información e Aprendizaxe) de xeito que as bibliotecas escolares sigan sendo espazos de referencia nos centros escolares e manteñan o nivel de excelencia recoñecido. Así o explicou o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, con motivo da inauguración das VI Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, que entre hoxe e mañá reúnen en Santiago a preto de mil profesionais para debater, analizar e compartir experiencias neste ámbito e centradas sobre todo no que atinxe á lectura e o tratamento da información, dous dos obxectivos fundamentais destes espazos educativos.

Román Rodríguez destacou o efecto dinamizador das bibliotecas escolares e dos docentes no eido educativo, que se traduce en mellores resultados entre os escolares. De feito, tal como demostran os últimos datos do informe PISA correspondentes a 2012, o alumnado galego superaba en comprensión lectora e hábitos de lectura non só a media española, senón tamén a da UE e da OCDE. “As bibliotecas permiten, ademais, que o alumnado que non ten recursos culturais na casa poida facer uso deles, para o seu lecer e as súas aprendizaxes, garantindo así a igualdade de oportunidades”, engadiu o conselleiro”.

Tamén sinalou que a escola non pode quedar á marxe do actual contexto de cultura dixital, polo que é imprescindible asumir e integrar novos recursos que se van creando. É neste ámbito onde o docente na biblioteca xoga un papel fundamental á hora de ensinarlles aos rapaces e rapazas a usar as tecnoloxías da información e a comunicación “dun xeito crítico”, reflexionou Román Rodríguez.

Segunda fase do Plan Lía

Precisamente a Consellería está traballando xa na segunda fase do Plan Lía 2016-2020 que, entre outros, ten o reto de renovar o cen por cen das bibliotecas escolares galegas e avanzar na incorporación da lectura dixital nestes espazos. Trátase, en definitiva, de xeneralizar un modelo de biblioteca escolar que lidere e apoie o uso de metodoloxías activas imprescindibles para a adquisición das competencias clave para o alumnado do século XXI.

Cómpre lembrar que entre as materias de libre configuración autonómica amparadas baixo a LOMCE, este curso empezou a impartirse por primeira vez en secundaria a materia de Investigación e Tratamento da Información, na que hai matriculados máis de 3.000 alumnos. Esta cifra da idea do interese que esperta a aprendizaxe de habilidades e destrezas para o uso das distintas fontes informativas, a valoración das informacións ás que se accede a través dos diferentes medios de comunicación, ou a produción eficaz de información, a través da realización de pequenos traballos de investigación, abordando estas aprendizaxes dunha forma intensiva, máis aló da inclusión destes contidos dunha forma transversal nas distintas áreas, tal e como están contemplados nos currículos”.

Dez anos de funcionamento

Tras dez anos de funcionamento, neste curso 2015-2016 hai un total de 575 centros educativos integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares. A través do PLAMBE, estes centros recibiron apoio para a actualización de fondos documentais, a renovación de mobiliario, a adquisición dos equipamentos necesarios para exercer as súas funcións formativas, de xestión e dinamización, e para gastos de funcionamento e posta en marcha de actividades de fomento da lectura, entre outros.

Doutra banda, este curso remata o primeiro Plan LÍA (2010-2015), que se creou co fin de integrar todas as actuacións da Consellería a prol das bibliotecas escolares, para a mellora das competencias de lectura, escritura e habilidades investigadoras así como de uso da información por parte do alumnado. Os avances realizados nos últimos anos animan a continuar con este plan coa redacción dunha segunda fase que permita enfrontar os retos pendentes.