A Xunta promove entre o alumnado do CEIP de Agolada os hábitos alimentarios saudables desde os comedores escolares

Os conselleiros de Cultura e Educación, Medio Rural e Sanidade visitaron hoxe o centro desta localidade pontevedresa, onde repartiron cartóns de leite coa marca de calidade “Galega 100%”

As tres Consellerías colaboran en varios programas co fin de ofrecer aos estudantes galegos unha dieta sa, equilibrada e variada

Ven, 27/11/2015 - 13:13
A Xunta promove entre o alumnado do CEIP de Agolada os hábitos alimentarios saudables desde os comedores escolares
A Xunta promove entre o alumnado do CEIP de Agolada os hábitos alimentarios saudables desde os comedores escolares

Os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, do Medio Rural e de Sanidade visitaron hoxe o CEIP de Agolada, en Pontevedra, onde promoveron os hábitos alimentarios saudables entre os alumnos e alumnas do centro. Román Rodríguez, Ángeles Vázquez e Jesús Vázquez Almuíña, respectivamente, trasladáronlle aos nenos e nenas a importancia de comer san e variado todos os días, co obxectivo de contar cunha dieta equilibrada desde idades temperáns.

Neste contexto, e tal e como destacou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, “os comedores escolares xogan un papel fundamental para asentar comportamentos alimentarios saudables”, polo que “a nosa prioridade é velar pola calidade dos menús que reciben os nosos nenos e nenas”, afirmou. Cómpre lembrar que a Consellería atende diariamente a preto de 60.000 usuarios nos comedores escolares de centros públicos, o que ao longo do ano son 10,5 millóns de comidas.

Guía de menús escolares

Co obxectivo de garantir a máxima calidade, Educación colaborou coa Consellería de Sanidade na elaboración dunha Guía de axuda para programar os menús escolares, na que se recollen os tipos de menús, a gramaxe ou exemplos de programación aos que se deben adherir.

O titular da carteira sanitaria subliñou que un de cada tres nenos galegos ten obesidade ou sobrepeso e, ao respecto, destacou que o seu departamento ten en marcha o Plan Xermola para a prevención da obesidade infantil, que tenta dar resposta a esta ameaza para a saúde do futuro. O seu obxectivo é diminuír, nun prazo de 8 anos, a prevalencia da obesidade na poboación infantil e xuvenil da nosa comunidade, mellorando o patrón alimentario e de actividade física. Entre as actividades que se priorizan, seis están dirixidas ao ámbito escolar, tanto a nivel normativo como participativo e formativo.

Axudas para lácteos e froitas

Así mesmo, a conselleira do Medio Rural explicoulles aos nenos a importancia de tomar leite para que os ósos sexan fortes e, aínda mellor, se o leite é de “Galega 100%”, xa que este produto de primeira calidade provén das vacas de Galicia. Ademais, engadiu que o consumo de leite galego contribúe a apoiar os nosos gandeiros para que poidan seguir producindo e mantendo as súas explotacións.

A Consellería convoca anualmente axudas para o consumo de froita fresca e leite nas escolas galegas, concretamente nos centros de Educación infantil, Educación primaria e Educación secundaria obrigatoria. Con esta medida trátase de promover a alimentación saudable entre os máis pequenos, incluíndo nos seus menús froitas frescas de tempada obtidas na nosa Comunidade, empregando na súa obtención sistemas de produción sustentables. Ademais, tamén se inclúe o leite na súas dietas, ben a través de leite só ou con chocolate ou zume de froitas ou aromatizado, iogur de sabores ou con froitas e queixo. Para este curso está previsto que se beneficien destes programas case 100.000 alumnos de 426 centros escolares de toda Galicia.

Reparto de cartóns de leite

Co fin de incidir no consumo de lácteos de procedencia galega, os tres conselleiros repartiron varios cartóns de leite coa marca de calidade “Galega 100%”, co obxecto de poñer en valor este produto entre os máis pequenos.