A Xunta de Galicia participa na IX xornada ‘Xustiza e Lingua’, centrada na extensión do uso do galego na administración xudicial

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, explica que o 2016 será un ano con “importantes avances” para o uso do galego nos recursos manexados nos xulgados

Lun, 30/11/2015 - 20:10
A Xunta de Galicia participa na IX xornada ‘Xustiza e Lingua’, centrada na extensión do uso do galego na administración xudicial
A Xunta de Galicia participa na IX xornada ‘Xustiza e Lingua’, centrada na extensión do uso do galego na administración xudicial

A extensión do uso do galego no ámbito xurídico centra a novena edición da xornada ‘Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización’, unha iniciativa que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e que se celebrou este luns no Colexio de Avogados de Santiago de Compostela (ICA).

No acto de apertura da xornada, que organiza o servizo de asesoramento lingüístico do devandito colexio, participaron o responsable da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Valentín García; o decano do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, Evaristo Nogueira; e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega.

Durante a súa intervención, Valentín García, destacou a ‘importancia de actualizar contidos e estratexias para o uso do galego na Administración de xustiza’ e explicou que o 2016 será un ano de “importantes avances” dos “recursos e instrumentos manexados nos xulgados, que faciliten o uso do galego”. O secretario xeral de Política Lingüística puxo especial acento no Portal Xurídico Galego que, segundo precisou, ofrecerá unha “normativa consolidada en galego en aberto, unha iniciativa pioneira entre as Comunidades Autónomas con lingua cooficial”.

Proceso de normalización

Promover a reflexión sobre o proceso de normalización lingüística no ámbito da xustiza -un dos que máis dificultades presenta no emprego xeralizado da nosa lingua-, ofrecer experiencias positivas e novas perspectivas que favorezan o uso do galego no exercicio xurídico, analizar o marco xurídico do galego e estudar o seu nivel de aplicación real son os principais obxectivos da IX xornada ‘Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización’. Para incidir nestes fins, incluíuse unha primeira mesa cos relatorios da maxistrada do Xulgado Social número 3 de Lugo, Dalila Dopazo, sobre a normalización lingüística na Xustiza con razóns e alternativas ao respecto; e do avogado do ICA Torcuato Teixeira, que estableceu unha comparativa do uso do galego na Administración de xustiza en relación con outras institucións.

A segunda mesa contou cun relatorio do politólogo e investigador social Xaime Subiela, baixo o título ‘Lingua democrática do meu pobo’; e outro do catedrático de Dereito Mercantil José Antonio Gómez Segade, titulado ‘Galego e ciencia xurídica’.

O evento, que promove o Colexio de Avogados de Santiago, está dirixida aos profesionais da avogacía, da procuradoría, da fiscalía, secretariado xudicial, funcionariado dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza, alumnado das escolas de práctica xurídica e da licenciatura en Dereito, profesionais de servizos lingüísticos e outras persoas interesadas.

Impulsar o uso do galego

Co fin de impulsar e mellorar o uso do galego entre os profesionais colexiados e no funcionamento da propia entidade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora actualmente co Colexio de Avogados de Santiago a través dun convenio. O programa deste marco de colaboración, que inclúe a organización desta xornada Xustiza e Lingua, desenvólvese a través do servizo lingüístico do Colexio de Avogados, encargado de  facilitarlles o asesoramento lingüístico e terminolóxico aos profesionais colexiadose ao persoal do Colexio, ademais de asumir labores de tradución, corrección, revisión e elaboración de documentación.

Por medio do convenio, o colexio tamén actualiza no seu web recursos para os profesionais sobre o marco legal vixente en materia lingüística e publica a revista colexial ‘Avogacía Compostelá’, que inclúe artigos de divulgación sobre a normalización do galego con outros textos de carácter formativo en relación coa linguaxe xurídica.

Menús News node R