Román Rodríguez salienta o compromiso da Xunta coa atención educativa á diversidade nos actos conmemorativos do Día Internacional das Persoas con Discapacidade

Román Rodríguez participou nas actividades organizadas por CERMI Galicia no CEIP Raíña Fabiola en prol da integración educativa

Ambas as partes asinaron hoxe un acordo a través do que a Consellería convidará aos centros educativos á concienciación neste eido e a celebrar cada 3 de decembro esta efeméride

Xov, 03/12/2015 - 13:41
 Román Rodríguez salienta o compromiso da Xunta coa atención educativa á diversidade nos actos conmemorativos do Día Internacional das Persoas con Discapacidade
Román Rodríguez salienta o compromiso da Xunta coa atención educativa á diversidade nos actos conmemorativos do Día Internacional das Persoas con Discapacidade

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social, Coro Piñeiro; visitaron esta mañá o CEIP Raíña Fabiola co gallo do acto conmemorativo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade organizado polo Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia (CERMI Galicia) neste centro compostelán. Durante a súa visita ao colexio, o titular do departamento educativo da Xunta tivo a oportunidade de asistir a unha clase de educación física na que se amosaba a plena integración de alumnado con discapacidade física. Así mesmo, puido coñecer de primeira man as accións desenvolvidas por esta entidade, e comprometeuse a prestarlle o apoio do Goberno galego en todo o posible. De feito, hoxe mesmo ambas as partes asinaron un acordo a través do cal a Consellería convidará aos centros educativos a conmemorar cada 3 de decembro o Día Internacional das Persoas con Discapacidade e, deste xeito, axudar á concienciación neste eido.

No acto conmemorativo participaron, ademais do conselleiro, o director do CEIP Raíña Fabiola, Eugenio Leira; o presidente de CERMI, Anxo Queiruga; e representantes das diferentes asociacións que forman parte desta entidades, nomeadamente Carlos Fernández (ONCE), Ignacio Rodríguez (COGAMI); Iker Sertucha (Faxpg), Antonio de la Iglesia (Autismo Galicia), Eulogio López (Aspace Galicia), Juan C. Rodriguez (Fagal), Elías Palacio (Fademga Plena inclusión), Lucía Mendoza (Fegadace), Delmiro Prieto(Down Galicia) e Antonio Hernández (Feafes Galicia).

Unha educación plenamente inclusiva

Román Rodríguez salientou o compromiso da Consellería coa atención á diversidade, cun sistema educativo que ten como obxectivo permanente o de lograr que cada un dos alumnos e das alumnas encontre na educación un espazo, e un garante, para o seu pleno desenvolvemento, para a súa autonomía e para a participación activa nunha sociedade democrática.

Neste sentido, a Consellería traballa en prol dun sistema educativo de calidade desde o que se promovan as potencialidades de cada persoa; entendendo – tal e como xa o fai a sociedade- a diversidade como un valor, a diferenza como un recurso e oportunidade para o ensino. 

Neste sentido, a Xunta de Galicia aposta por unha educación que inclúa a todas e a todos, que saiba aproveitar os valores de cada quen, que saiba compartir, que saiba colaborar, que saiba adaptar as metodoloxías e os recursos, que teña un currículo ao dispor do alumnado, que sexa accesible, que presente oportunidades de aprendizaxe para todas e todos; en definitiva, unha educación que garanta a igualdade de oportunidades.

Para iso, cómpre actuar desde o ámbito dos valores, da transversalidade, e da convivencia; liñas de acción nas que a Xunta está a traballar a través da estratexia ‘Educonvives’, en prol da mellora do clima nas aulas, para que actúen como verdadeiros espazos de inclusión e onde se fomenten os valores da tolerancia e de respecto entre todas e todos os integrantes da comunidade educativa. No marco desta iniciativa, explicou o conselleiro, estanse artellando algunhas ferramentas para adaptar a vida académica ás persoas con necesidades específicas de apoio educativo, tales como o Protocolo de Atención en urxencias sanitarias e atención educativa ao alumnado con enfermidade crónica, ou o recentemente publicado Protocolo de Atención Educativa Domiciliaria.

Con eses protocolos e con outros nos que se está a traballar, ademais de garantir un dereito do alumnado, trátase de blindar todos os recursos materiais e humanos necesarios para aqueles nenos e nenas cuxa saúde ou circunstancias persoais non lles permiten asistir regularmente á escola ou requiren actuacións específicas.

Así mesmo, e dentro do obxectivo compartido por todos os departamentos da Xunta de Galicia de avanzar cara a plena integración das persoas con discapacidade, o Goberno autonómico está a traballar no desenvolvemento da Estratexia Galega sobre Discapacidade (Esgadi) 2015-2020, aprobada polo Consello da Xunta o pasado día 5 de novembro. Trátase dunha folla de ruta para a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade impulsada pola Consellería de Política Social pero que ten un carácter transversal; e que responde a seis liñas estratéxicas de actuación: accesibilidade, autonomía persoal, educación, formación e emprego, saúde e servizos sociais.

Ao remate da visita, Anxo Queiruga fixo entrega ao conselleiro dunha unidade didáctica elaborada por CERMI Galicia, cos obxectivos fundamentais de sensibilizar sobre as necesidades e dereitos das persoas con discapacidade e axudar a identificar as súas necesidades de apoio, mellorar a convivencia entre o alumnado, rexeitar a discriminación e, en xeral, promover as boas prácticas no tratamento e achegamento á discapacidade.