Román Rodríguez visita a biblioteca pública da Coruña “Miguel González Garcés” no día do centenario do nacemento do poeta

Mar, 12/01/2016 - 14:08
Román Rodríguez visita a biblioteca pública da Coruña “Miguel González Garcés” no día do centenario do nacemento do poeta
Román Rodríguez visita a biblioteca pública da Coruña “Miguel González Garcés” no día do centenario do nacemento do poeta

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou esta mañá a Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña, que hoxe conmemora o centenario do nacemento do poeta e escritor que lle dá nome.

Acompañado do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e da súa directora, Mar Lauroba Sánchez, o conselleiro efectuou un percorrido polas instalacións do centro, de titularidade estatal e de xestión autonómica. Tamén aproveitou para visitar unha pequena mostra bibliográfica organizada pola biblioteca, que inclúe obras escritas polo propio González Garcés, así como unha escolla de títulos da súa biblioteca particular procedentes da colección que lle doou a familia do escritor ao centro bibliotecario que el mesmo dirixiu durante catro décadas.

Pola tarde, ás 20,00 horas, no marco desta celebración, a biblioteca organiza a conferencia ‘A investigación histórica sobre A Coruña do século XVIII’, a cargo do investigador Pedro López Gómez, que foi arquiveiro e director do Arquivo do Reino de Galicia. O relatorio abordará a investigación e a importancia das fontes documentais para o estudo da historia da Coruña no século XVIII, un dos ámbitos nos que traballou Miguel González Garcés.

Labor literario, xornalístico e investigador

Licenciado en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela, e membro do corpo facultativo de arquiveiros, bibliotecarios e arqueólogos, o poeta e escritor González Garcés (A Coruña, 1916-1989) levou a cabo un labor destacado en diversos ámbitos, especialmente no literario, no xornalístico e no da investigación histórica.

Director durante corenta anos da Biblioteca Pública do Estado na Coruña, que hoxe leva o seu nome, é autor de varios libros de poesía en castelán e en galego, dirixiu a revista ‘Nordés’ na súa primeira etapa e colaborou en diversas publicacións literarias, como ‘Atlántida’, da que foi un dos promotores. Tamén realizou numerosas colaboracións na prensa escrita como articulista e foi un grande investigador da súa cidade natal, sobre a que escribiu un destacado número de ensaios. A Deputación Provincial da Coruña creou en 1991 o Premio de Poesía Miguel González Garcés en homenaxe á súa figura.

Celebracións arredor do libro e lectura

O centenario do nacemento de Miguel González Garcés é unha das celebracións que abre o Calendario do Libro e da Lectura 2016, promovido pola Consellería de Cultura e Educación para dinamizar actividades arredor das principais datas e efemérides vinculadas co libro e a literatura galega.