A Consellería de Cultura e Educación convoca axudas para que os estudantes que cursen segundo ou posteriores cursos no Sistema Universitario de Galicia teñan a matrícula de balde

O prazo de solicitude da bolsa é dun mes a partires de hoxe

Ven, 15/01/2016 - 10:59

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar as axudas dirixidas aos estudantes que continúan estudos en 2º e posteriores cursos de titulacións de grao no Sistema Universitario de Galicia (SUG) para que no curso académico 2015-2016 poidan ter matrícula de balde. O prazo de solicitude estará aberto durante un mes a partires de hoxe, e todos os requisitos tanto académicos como económicos poden consultarse na orde publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, no enlace web http://www.xunta.es/dog/Publicados/2016/20160115/AnuncioG0164-211215-0003_gl.html . Tamén está dispoñible esta orde así como un anexo con preguntas frecuentes no web da Consellería a través do enderezo electrónico http://www.edu.xunta.gal/portal/node/17972 .

Estas bolsas impulsadas pola Consellería veñen a cubrir o oco do alumnado de segundo e posteriores cursos pertencente á rama de coñecemento de Ensinanzas Técnicas (enxeñaría ou arquitectura), que ten superado un número de créditos igual ou superior ao 60% e menos do 65% e o pertencente ás ramas de Artes e Humanidades ou de Ciencias Sociais e Xurídicas, que ten superado un número de créditos igual ou superior ao 80% e menos do 90%, que quedou fora das bolsas de carácter xeral do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ao cambiaren os requisitos académicos no curso 12-13. Deste xeito o departamento educativo da Xunta reforza o seu apoio aos universitarios galegos e garante a igualdade de oportunidades no acceso aos estudos superiores.

Para tal fin a Consellería habilita un orzamento global de 200.000 euros, e a dotación máxima asinada a cada beneficiario oscila entre un máximo de 862,90 euros para as titulacións encadradas dentro da rama de Enxeñaría e arquitectura e grao en Belas Artes, e un máximo de 618,10 euros para as titulacións encadradas dentro da rama de Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas.

Requisitos

Entre os requisitos establecidos para acceder a estas bolsas, os solicitantes deberán estar matriculados en segundo ou posteriores cursos dun mínimo de 60 créditos en ensinanzas conducentes a unha titulación oficial de grao, licenciatura, diplomatura, enxeñaría, arquitectura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica nunha universidade do SUG. Tan só ao alumnado ao que lle reste un número inferior de créditos para rematar os seus estudos, o mínimo de créditos matriculados é de 45

Así mesmo, deberán acreditar ter superado no curso 2014/2015 unha porcentaxe igual ou superior ao 60% dos créditos matriculados e menor ao 65% no caso dos estudos pertencentes á rama de coñecemento de Ensinanzas Técnicas (enxeñaría ou arquitectura); e igual ou superior ao 80% e menor ao 90% nos estudos pertencentes ás ramas de Artes e Humanidades ou de Ciencias Sociais e Xurídicas.

Presentación de solicitudes

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica (https://sede.xunta.es), aínda que tamén se poderán realizar en soporte papel en calquera dos rexistros establecidos. Así mesmo, calquera dúbida relacionada con esta convocatoria pode consultarse a través do enderezo orientacion.sug@edu.xunta.es.

Desde que se puxeron en marcha, no período 2011-2012, a Consellería executou un orzamento de preto de 328.000 euros para estas bolsas, das que se beneficiaron un total de 475 alumnos e alumnas nos últimos catro cursos académicos. Cómpre salientar que desde o departamento de Educación atendeuse o cen por cen das solicitudes que cumprían cos requisitos establecidos nestas ordes anuais.

Menús News node R

Colectivo

Tema

Ensinanza