A Consellería de Cultura e Educación actualiza a orde de licenzas e permisos do profesorado

A Administración informou aos sindicatos na mesa sectorial da súa decisión de manter a xustificación das ausencias por indisposicións ou enfermidades leves non superiores a 3 días, sempre que se achegue a pertinente xustificación documental

Mar, 19/01/2016 - 19:10

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria confirmou hoxe a súa decisión de manter como xustificadas as ausencias por indisposicións ou enfermidades leves non superiores a tres días, sempre e cando se achegue a pertinente xustificación documental. Fíxoo na mesa sectorial do ensino non universitario, onde se tratou a orde para actualizar a regulación dos permisos, licenzas e vacacións do persoal docente, co fin de adaptala ao establecido na  Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

Neste sentido, e respecto da Orde do ano 2008, amplíanse algúns dos permisos, como é o caso do concedido por adopción ou acollemento, tanto preadoptivo coma permanente ou simple, que pasa de 16 a 18 semanas; ao igual que o permiso por parto, que se amplía tamén de 16 a 18 semanas. Ademais modifícase o concepto de "permiso por paternidade" polo de "permiso do outro proxenitor por nacemento, acollemento ou adopción dun fillo", máis acaído á realidade social actual.

Por outra banda, e dentro do permiso para o cumprimento de deberes inescusables de carácter público ou persoal, de deberes relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral e mais de asistencia a consultas e revisións médicas inclúense novas situacións de relevancia. Entre elas figuran o acompañamento ás revisións médicas, aos tratamentos de quimioterapia e radioterapia, así como ás intervencións médicas invasivas (biopsias, colonoscopias, gastroscopias e outras de características similares), das fillas e fillos discapacitados, das fillas e dos fillos menores de idade e das persoas maiores ao seu cargo polo tempo necesario; a asistencia do pai, nai, titor ou titora ás titorías convocadas polo centro escolar ao que asisten os seus fillos ou menores ao seu cargo; ou o tempo necesario para facer doazóns de sangue, plaquetas ou de médula.

Xa no apartado das licenzas, créase unha específica para a participación en proxectos ou programas de cooperación para o desenvolvemento e de acción humanitaria - ata 6 meses-, así como para supostos de hospitalización prolongada - ata 1 mes-.

Coa sesión de hoxe péchase a mesa sectorial que comezou o pasado día 12 tratando a convocatoria de oposicións e mais o concurso de traslados.