A Xunta amosa a excelencia da Rede Galega de FP de Hostalaría no II Encontro Internacional de Formación Profesional

O evento ten como fío condutor a posta en valor dos produtos do mar neste sector e o seu uso como factor diferenciador e competitivo

O conselleiro de Cultura e Educación salientou a calidade da FP galega e sinalou a Rede como unha aposta pola alta cualificación do capital humano

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou a importancia da cadea mar-industria en Galicia, que se reflicte en datos como as 180.000 toneladas de peixe e marisco descargadas en lonxa no 2015 e que supuxeron un valor económico de 457 millóns de euros

Mér, 27/01/2016 - 11:10
Os conselleiros de Cultura e de Mar no II Encontro Internacional de FP
Os conselleiros de Cultura e de Mar no II Encontro Internacional de FP

Os conselleiros de Mar, Rosa Quintana, e  de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, inauguraron esta mañá o II Encontro Internacional de Formación Profesional de Galicia, Castela e León e Portugal; unha cita na que Galicia expón a excelencia da Rede Galega de FP de Hostalaría, dos docentes que nela traballan e dos alumnos que se forman nela. O evento ten, ademais, como fío condutor a posta en valor dos produtos do mar na hostalaría, especialmente o seu papel como factor diferenciador e impulsor da competitividade no sector.

Román Rodríguez sinalou que a Rede constitúe unha aposta por formar capital humano moi cualificado, para dotar a un sector - o da hostalaría- cada vez máis competitivo e acadar así unha posición destacada nun mercado globalizado. Deste xeito, unha Rede de educación profesional como esta, da que cada ano saen ao mercado laboral uns 500 titulados, “é o noso mellor activo para que persoas e empresas dispoñan dun sistema de aprendizaxe permanente”.

O conselleiro salientou, ademais, a utilidade e versatilidade da FP galega, que responde ás necesidades dos sectores produtivos da nosa comunidade. Neste sentido lembrou que o noso sistema permite compaxinar o estudo cun posto de traballo remunerado, acceder á Universidade con maiores garantías de éxito, realizar a formación a distancia; así como recoñecer e acreditar a experiencia laboral. Ademais, destacou os proxectos de innovación que se realizan nos diferentes centros, en colaboración co sector produtivo; e a FP Dual, como unha boa vía de acceso ao mercado laboral.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou o bo saber facer de Galicia para “converter os bens que o mar nos ofrece en fonte de alimento e riqueza”. Neste sentido, salientou a importancia que ten na nosa comunidade a cadea mar-industria, “un elo fundamental non só na nosa economía, senón tamén na nosa bolsa de traballo”. Esta importancia, sinalou, reflíctese nos datos de descargas de peixe e marisco nas lonxas galegas, nas que no 2015 se descargaron un total de 180.000 toneladas, que supuxeron un valor, en primeira venda, superior aos 457 millóns de euros.

Tamén recoñeceu o peso da industria conserveira, “que consolida máis de 12.000 empregos directos en Galicia e supón o 6.5% do emprego industrial” e a calidade e sustentabilidade das conservas. Uns parámetros que a Xunta aposta por manter e “por iso ten elaborado un Plan Estratéxico para a conserva galega que promove as condicións de acceso ás materias primas, así como as medidas de reforzamento e consolidación das estruturas empresarias e da actividade exportadora”, lembrou a titular de Mar.

Por último a conselleira recoñeceu o labor dos profesionais da hostalaría, xa que grazas a eles, subliñou, “aprendemos a elaborar e presentar os produtos e podemos degustalos”. “Son capaces de converter un magnífico produto nunha excelencia gourmet” e “encontros como o de hoxe supoñen un paso máis”, indicou.

A Rede Galega de FP de hostalaría

A Rede Galega de FP de hostalaría foi creada en 2014 pola Consellería de Cultura e Educación co fin de enmarcar os 8 centros públicos da nosa Comunidade especializados nesta familia profesional co fin de crear un espazo vivo e dinámico de intercambio de experiencias e de innovación. Desta forma procúrase, ademais, impulsar a calidade de actividades produtivas estratéxicas para Galicia como son as de Restauración, Aloxamento e Servizos, estreitamente vencelladas ao turismo, eido tamén de significativa importancia no desenvolvemento económico desta terra. A Rede está composta polos CIFPs  Paseo das Pontes (A Coruña), Compostela (Santiago), Carlos Oroza (Pontevedra) e Manuel Antonio (Vigo); e polos IES Fraga do Eume (Pontedeume), de Foz, Sanxillao (Lugo) e de Vilamarín

Este proxecto pioneiro conta, ademais, cun sitio web (http://www.edu.xunta.gal/fp/rede-fp-hostalaria ) no que se ofrece información e orientación sobre os centros que a integran e das súa oferta formativa e do conxunto de servizos que se ofertan ás empresas. Para a propia comunidade educativa o web serve como punto de acceso único ás ofertas de emprego, ao emprendemento ou as mobilidades. O obxectivo é achegar a FP á empresa, dando resposta ás demandas do sector e transferíndolle o coñecemento adquirido en centros innovadores que son, así mesmo, exemplos de excelencia educativa.

Ademais, a Rede naceu vencellada ao Encontro Internacional de FP de Galicia, Castela e León e Portugal; un espazo no que centros de hostalaría dos tres territorios fortalecen as súas relacións e intercambian experiencias e boas prácticas.

O mar, produto de calidade

A decisión de centrar o II Encontro no mar deriva do seu papel como fonte de recursos da máis alta calidade no sector da hostalaría, emblema da cociña galega. Deste xeito, o evento arranca cunha mesa redonda sobre as oportunidades e novas tendencias de consumo dos peixes e mariscos das rías galegas, e contará cun ‘showcooking’ de produtos do mar.

Ao longo da xornada afondarase, ademais, en outros asuntos de relevancia para o sector como o emprendemento na hostalaría; e ofreceranse clases maxistrais de café e de coctelaría.

A clausura do encontro correrá a cargo do director xeral de Educación, FP e Innovación educativa da Consellería, Manuel Corredoira; do director general de FP e Réxime Especial da Consejería de Educación da Junta de Castilla y León, Agustín Sigüenza; e da directora coordinadora da Dirección de Cualificación Formativa e Certificación de Turismo de Portugal, Alejandra Pereira.