O conselleiro de Cultura e Educación sitúa o Consorcio Interuniversitario de Galicia como peza clave para avanzar na colaboración entre universidades

Román Rodríguez compareceu no Parlamento a petición propia para explicar as liñas mestras do Plan Galego de Financiamento Universitario 2016-2020, dotado cun maior orzamento, cunha estrutura máis simplificada e transparente e orientado a aumentar progresivamente o peso dos resultados

O novo documento, que distribúe preto de 2.480 millóns de euros de fondos públicos para o próximo quinquenio, sentará as bases da universidade do futuro, máis especializada, máis eficiente e en contacto cos sectores produtivos

Mar, 09/02/2016 - 20:05
Román Rodríguez compareceu no Parlamento a petición propia para explicar as liñas mestras do Plan Galego de Financiamento Universitario 2016-2020
Román Rodríguez compareceu no Parlamento a petición propia para explicar as liñas mestras do Plan Galego de Financiamento Universitario 2016-2020

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, compareceu hoxe a petición propia no pleno do Parlamento galego co fin de explicar o novo Plan Galego de Financiamento Universitario 2016-2020, dotado con preto de 2.480 millóns de euros, case un 18% máis con respecto ao inicialmente fixado no plan anterior. Trátase dun incremento que xa se notará este ano, posto que as universidades recibirán máis de 392 millóns de euros tendo en conta só as partidas vinculadas directamente ao plan, o que supón un crecemento do 4,8% con respecto a 2015.

Dentro das liñas mestras desta nova folla de ruta, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia insistiu na necesidade de seguir potenciando a colaboración universitaria co obxectivo de aproveitar sinerxías para acadar unha xestión eficiente dos recursos. Deste xeito, avanzou que se está traballando na posta en marcha do Consorcio Interuniversitario de Galicia (recollido na Lei de Universidades), unha peza clave para fomentar a cooperación entre as diferentes institucións.

Este organismo permitirá camiñar cara titulacións compartidas (como se vén de conseguir en torno á docencia clínica no grao de Medicina), cara unha eficiencia e racionalización nos gastos e cara o aproveitamento de recursos materiais e humanos das universidades.

Retos de futuro

Neste sentido, o Plan Galego de Financiamento Universitario para o vindeiro quinquenio sentará as bases da universidade do futuro que, ademais de potenciar a colaboración, continuará incentivando a especialización dos campus periféricos, a internacionalización e a eficiencia. Así, buscará a transferencia do coñecemento universitario aos sectores produtivos, adaptando, deste xeito, a oferta de titulacións á realidade socioeconómica e ao tecido industrial do país.

Ademais, con este novo esforzo financeiro, a Administración volve garantir a estabilidade e sustentabilidade económica das universidades que, en todo caso, deberán emprender progresivamente unha senda de diversificación das súas fontes de financiamento.

Un plan consensuado e con respaldo unánime

O conselleiro, que acudiu ao Parlamento co fin de render contas do traballo realizado desde 2014, puxo en valor o “logro colectivo” que supón o novo Plan. Porque se trata, tal e como subliñou, dun documento dialogado e consensuado coas tres institucións que conforman o SUG, así como aprobado por unanimidade no Consello Galego de Universidades.

Neste contexto, volveu agradecer desde a Cámara galega o espírito de negociación e consenso das tres universidades, que de novo contan cun Plan que blinda os seus fondos, dálles estabilidade financeira ao longo dos próximos cinco anos e establece os alicerces do novo Sistema Universitario Galego.

Novidades

Entre as novidades do novo documento, cómpre destacar que se mobilizan máis fondos públicos; se establece un novo reparto, máis simple e transparente, deses fondos –divididos en financiamento estrutural e financiamento por resultados– e se prima a eficiencia na xestión.

A maiores, no tocante ao financiamento por resultados docentes, de investigación e de transferencia, apóstase por incrementar de xeito progresivo o seu peso (actualmente situado no 33%), co obxectivo de que represente o 40% dos fondos en 2020.

En definitiva –remarcou Román Rodríguez– “o Plan de financiamento non é só poñer recursos enriba da mesa, é tamén deseñar a Universidade do futuro, a Universidade que lle fai falla ao país, á sociedade e aos sectores produtivos”.