Educación fixa as avaliacións de sexto de primaria para os días 11, 12 e 13 de maio e as de terceiro para os días 24 e 25

O director xeral de Educación presentou hoxe as probas, e insistiu en que non terán efectos no expediente académico dos alumnos, pero si servirán para implementar plans de mellora da calidade do sistema educativo

Abranguen a un total de 44.000 nenos e nenas de 800 centros públicos, privados e concertados de toda Galicia

Os resultados son de uso interno dos docentes, dos alumnos e dos seus pais e titores, polo que en ningún caso se establecerán ránkings de centros

Manuel Corredoira sinalou que, a raíz da avaliación de 3º que se fixo por primeira vez no curso pasado, un total de 69 centros de Primaria beneficiáronse dos contratos-programa da Consellería e dun docente externo de apoio para desenvolver plans de mellora vinculados aos seus resultados nesa proba

Lun, 18/04/2016 - 12:16
O director xeral de Educación na rolda de prensa desta mañá
O director xeral de Educación na rolda de prensa desta mañá

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de fixar para o mes de maio as datas das probas de terceiro e sexto de Educación Primaria establecidas na Lomce. Tal como informou o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, este ano -en cumprimento da normativa vixente- celebrarase por primeira vez a avaliación final de 6º de Primaria, que en Galicia será os días 11, 12 e 13 de maio. Así mesmo, xa por segundo ano, tamén se realizará a proba de 3º de Primaria, que será os días 24 e 25 de maio. O Diario Oficial de Galicia publicará os vindeiros días a Resolución na que se especifica, de xeito detallado, o desenvolvemento desta proba, e que poderá consultarse ao longo do día de hoxe no portal web da Consellería.

Ambas probas están baseadas e deseñadas segundo os estándares dos currículos de 6º e de 3º respectivamente. “Isto é, -especificou o director xeral- adaptadas ás franxas de idade dos rapaces e rapazas ás que van dirixidas”. Ademais, Manuel Corredoira insistiu en que en ningún dos casos se trata de ningunha reválida xa que nin a de 3º nin a de 6º computan a efectos de ningunha cualificación e non se avalían materias específicas senón algunhas competencias concretas.

Pola contra, son avaliacións individualizadas de carácter informativo e orientador para o alumnado, para os centros, para as familias e para a Administración educativa; e tamén probas diagnósticas cuxos resultados permitirán mellorar os procesos de docencia e de aprendizaxe.

Avaliación de 6º de Primaria

Este curso é a primeira vez que se aplica esta proba que, -como explicou Manuel Corredoira-, en liñas xerais é practicamente idéntica á de 3º, só que se incrementa o número de competencia avaliadas xa que se introduce a proba de inglés e outra de ciencia e tecnoloxía e, precisamente por ese motivo, se estende durante tres días.

Os 22.000 alumnos e alumnas que están cursando 6º de Primaria en Galicia realizarán unha proba de competencia matemática; outra de competencia en comunicación lingüística na que se avalía por separado o coñecemento e destreza en galego, en castelán e en inglés; e unha terceira de competencias básicas en ciencia e tecnoloxía.

O director xeral de Educación explicou que a aplicación da avaliación de 6º farase seguindo a mesma dinámica e o mesmo procedemento que se levou o ano pasado coa de 3º e que este curso se volverá repetir.

A este respecto lanzou unha mensaxe de tranquilidade a toda a comunidade educativa e, especialmente ás familias, ás que lles recordou que a avaliación de 6º -ao igual que xa sucedera o ano pasado na de 3º- é unha proba a maiores que lles permite aos pais e nais ter información adicional sobre o progreso do seu fillo ou filla, pero que en ningún caso computa a efectos académicos. É dicir, que os resultados das probas non terán repercusións no expediente académico do alumnado e en ningún caso se van establecer ránquins de centros.

O que si permitirá é dispoñer dunha información valiosa tanto para os centros como para a propia administración á hora de deseñar e implementar programas de mellora educativa.

“Proba diso –explicou Corredoira- é que, a raíz dos resultados da proba de 3º do ano pasado, neste curso asinamos contratos-programa cun total de 69 centros de Primaria para desenvolver plans de mellora directamente vinculados aos seus resultados nesa proba. E todos eles contan cun docente externo de apoio”.

Avaliación de 3º de Primaria

Neste caso non hai ningunha novidade con respecto ao ano pasado e, polo tanto, seguirase avaliando as competencias matemática por un lado, e en comunicación lingüística por outro cunha proba conxunta e integrada en galego e en castelán. Esta proba farase entre o 24 e 25 de maio e ten como obxecto comprobar o grao de dominio de destrezas, capacidades e habilidades en expresión e comprensión oral e escrita e en cálculo e resolución de problemas.

Execución e corrección das probas

A Consellería de Cultura e Educación encargarase de proporcionar aos centros o apoio necesario (tanto material como soporte informático) para materializar as probas. Deste xeito, disporanse cadernos (en formato papel) para cada unha das avaliacións e das competencias obxecto de avaliación, así como cuestionarios de contexto para profesores, dirección do centro, alumnado e as súas familias.

Con carácter xeral, as probas deberán ser corrixidas por profesores/as que non impartan clase nas materias relacionadas coas competencias obxecto da proba aos alumnos/as avaliados, e os centros disporán ata o 31 de maio inclusive para cargar os datos da proba de final de Primaria, e ata o 3 de xuño inclusive para a de terceiro.