A Xunta de Galicia dálle a benvida ao alumnado de galego do instituto londinense Vicente Cañada Blanch

Os 18 adolescentes de Londres que están en viaxe de estudos a Galicia foron recibidos polos secretarios xerais de Política Lingüística e de Emigración e mais pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado

O Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres é un dos 20 centros de ensino preuniversitario de fóra de Galicia que ofrece a materia de Lingua, Literatura e Cultura Galega co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística

Mar, 03/05/2016 - 20:51
A Xunta de Galicia dálle a benvida ao alumnado de galego do instituto londinense Vicente Cañada Blanch
A Xunta de Galicia dálle a benvida ao alumnado de galego do instituto londinense Vicente Cañada Blanch

A Xunta deulle hoxe á tarde a benvida a Galicia a un grupo de 18 estudantes de galego en Londres e dous docentes chegados esta mesma mañá na súa 'Viaxe da Lingua 2016' para percorreren diversos lugares da nosa comunidade autónoma e coñeceren así de primeira man a nosa lingua e cultura. Na recepción institucional participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez.

García Gómez deulles a benvida a Galicia aos rapaces e rapazas do IE Cañada Blanch e transmitiulles que para os galegos e galegas “o voso interese polo noso idioma é un orgullo e unha alegría”, polo que agradeceu “a curiosidade intelectual que vos levou a estudalo e a confianza que amosades en que vos será de utilidade no futuro”.

Tamén incidiu neste aspecto Rodríguez Miranda, quen salientou que o Reino Unido foi un dos lugares onde “a semente da Galeguidade agromou de maneira máis salientable”, e pediulles ás mozas e aos mozos presentes que “difundades a imaxe da Galicia que estades a ver, a Galicia actual e moderna, desta terra que hoxe se enorgullece de recibirvos e abrirvos os brazos”.

Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, destacou que tras a aprobación da primeira Lei de Xuventude de Galicia na pasada lexislatura, a dinamización e promoción da lingua galega entre a mocidade é un eixe prioritario da acción de goberno.

Viaxe para coñecer a realidade galega

Os estudantes chegaron este mediodía a Galicia, onde permanecerán ata o 8 de maio. Durante a súa estadía, o alumnado de orixe galega terá ocasión de atoparse coas súas familias. Ademais, todos os alumnos e alumnas pasarán unha xornada de convivencia con estudantado do CPI Camiño de Santiago, con quen percorrerán a derradeira etapa da ruta xacobea e con quen visitarán a cidade do Apóstolo. Nos días seguintes, coñecerán diferentes lugares de interese cultural e paisaxístico das catro provincias galegas seleccionados polo propio alumnado e participarán en diversas actividades culturais e de ocio.

A viaxe de estudos -que permite mellorar as habilidades lingüísticas e o coñecemento cultural do alumnado tanto durante a fase de planificación como durante a de execución- conta co patrocinio das secretarías xerais de Política Lingüística e de Emigración da Xunta de Galicia, así como de diversas entidades privadas.

Galego en Londres

O alumnado de galego en Londres incrementouse nos últimos anos ata chegar aos 50 alumnos e alumnas matriculados hoxe nesa materia. Os intereses que achegan este estudantando ao noso idioma son variados, xa que non todos proceden de familias galegas.

Este curso académico, Begoña González tomou o relevo de Xaime Varela, profesor de lingua no IE nos últimos seis anos, e continúa levando adiante o proxecto Galego en Londres, que pretende ir alén dunha simple clase de idiomas para difundir o coñecemento e a imaxe positiva da nosa lingua fóra de Galicia ou contribuír a cohesionar arredor dela a comunidade galega en Londres. Das múltiples actividades que o integran destacan a colaboración con iniciativas externas ao centro educativo, os encontros virtuais ou presenciais con estudantado de Galicia ou os Encontros no Cañada, que levan ao instituto galegos residentes en Londres que dan testemuño dunha Galicia punteira nos eidos artístico, científico e profesional.

O proxecto Galego en Londres visibilízase a través do web Fala Londres, www.galegoenlondres.gal, que recibiu máis de 122 000 visitas desde a súa creación en setembro de 2010; da páxina de Facebook Galego en Londres, con case 6000 seguidores dos cinco continentes e unha media de 10.000 visitas semanais, e de Twitter, onde o perfil @GalegoEnLondres alcanza xa os 1260 seguidores e máis de 3050 chíos desde a súa creación en 2011.

Estudo do galego fóra de Galicia
O Cañada Blanch –xunto cos institutos cataláns do proxecto Galauda, os centros públicos do Bierzo e de Ponferrada e mais o Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires- é un dos 20 centros educativos de fóra de Galicia que imparte docencia de lingua galega a estudantes de niveis preuniversitarios. Faino no marco dun convenio de colaboración que vén renovándose desde o ano 1991 entre a Consellería de Cultura e Educación e o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, entidade da que depende o centro educativo. Estes colexios responden ás demandas dos galegofalantes que viven no exterior e dan a coñecer o noso idioma entre a poboación de orixe non galega.

Menús News node R

Colectivo