Boiro, O Rosal, Ordes, Caldas de Reis e Val do Dubra son as paradas do 'FalaRedes' de Cultura e Educación nesta fin de semana

Pablo Díaz e o seu grupo sumarán ata catro actuacións con ‘Xente miúda, moita fartura’, fermosas cancións que promoven a lingua a partir do universo cotián de nenas e nenos

Larraitz Urruzola e os seus monicreques pechan a súa xira co ‘Falaredes’ no Rosal. Unha estupenda oportunidade para repasar as vivencias infantís da cimeira das nosas letras: Rosalía de Castro

En todas as localidades a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas

Mér, 04/05/2016 - 19:00
Boiro, O Rosal, Ordes, Caldas de Reis e Val do Dubra son as paradas do 'FalaRedes' de Cultura e Educación nesta fin de semana

A Consellería de Cultura e Educación leva esta fin de semana aos concellos de Boiro, O Rosal, Ordes, Caldas de Reis e Val do Dubra as propostas de dinamización lingüística do programa 'FalaRedes', que a Secretaría Xeral de Política Lingüística lle destina ás entidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. O percorrido comezará na mesma tarde do venres na Casa da Cultura de Boiro, onde Pablo Díaz e a súa banda animarán o público desde as 19:00 horas cos ritmos do seu espectáculo 'Xente miúda, moita fartura'.

Este concerto dirixido a nenos e nenas e ás súas familias será o protagonista da fin de semana noutros tres municipios. Así, o trío que compoñen Carmen Rey, Tito Calviño e Pablo Díaz tamén estarán este sábado na Casa da Cultura de Ordes, ás 19:00 horas. Ao día seguinte, os mesmos artistas terán función dobre en Caldas de Reis e Val do Dubra. No que respecta á vila caldense, o concerto terá lugar no Auditorio Municipal ás 12:00 horas. Nas terras dubresas o concerto será na localidade de Bembibre, ás 18:00 horas.

Nas catro actuacións, o espectáculo ‘Xente miúda, moita fartura’ demostrará que a música cantada de calidade é un dos mellores xeitos de promover o uso da nosa lingua no ámbito familiar e animar á transmisión interxeracional.

O Rosal, última parada para ‘A viaxe de Rosalía’

‘A vaixe de Rosalía’, unha fermosa peza de monicreques que xa estivo en carteleira en once concellos galegos dende o pasado mes de marzo, pecha no Rosal o seu percorrido pola programación do ‘FalaRedes 2016’. A cita será este sábado, as 18:30 horas, no auditorio da localidade. Coa obra coñeceremos máis da infancia de Rosalía de Castro, unha etapa crucial para saber máis da Rosalía escritora. Con música e monicreques, a recoñecida actriz Larraitz Urruzola lévanos a un mundo rosaliano que explica boa parte da nosa historia literaria e tamén do noso país.

Coma sempre no 'FalaRedes', en todas as localidades a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Próximas paradas: Arzúa, Teo e Ribadavia

A próxima semana, nas vésperas do Día das Letras, tamén será intensa no 'FalaRedes'. Nesta ocasión, o protagonista absoluto será o espectáculo ‘Xente miúda, moita fartura’. Pablo Díaz e a súa banda pasará por Arzúa, Teo e Ribadavia. A primeira parada será o sábado, día 14, no Recinto Feiral Terra do Queixo de Arzúa, o concerto principiará ás 18:00 horas. Ao día seguinte, o domingo 15, o concerto terá lugar no Auditorio da Ramallosa (Teo), ás 12:00 horas e pola tarde, ás 17:00 horas, a música soará na Casa da Cultura de Ribadavia.

O calendario de propostas e toda a información sobre a quinta edición do programa está xa dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal ), nas redes sociais e na Axenda de Cultura de Galicia.

‘FalaRedes 2016'

O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ chega á súa quinta edición con novas propostas para gozar do tempo libre en galego que se desenvolverán desde este mes e ao longo de todo o ano nos concellos da RDL.

Os obxectivos de ‘FalaRedes’ son ampliar a oferta de ocio na nosa lingua, promover o seu uso e valoración positiva, fornecer o ámbito municipal de actividades de lecer en galego e apoiar os artistas que desenvolvan o seu traballo no idioma propio de Galicia.

Ao longo das catro edicións anteriores, ‘FalaRedes’ chegou a todos os concellos que integran a RDL (que conta arestora con máis de 170 entidades adheridas), con preto de 700 actividades para público de diferentes idades.

Menús News node R