Carmen Pomar comparte co alumnado do CEIP López Ferreiro os actos co gallo do Día da Paz

A conselleira participou na lectura dun texto de “Malala e o lapis máxico”

Mér, 30/01/2019 - 18:53
Carmen Pomar comparte co alumnado do CEIP López Ferreiro os actos co gallo do Día da Paz

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, compartiu esta mañá co alumnado do CEIP de Prácticas López Ferreiro de Santiago os actos conmemorativos co gallo do “Día escolar da non violencia e a paz”.

Xunto con varios alumnos de Primaria, a conselleira participou na lectura de textos de “Malala e o lapis máxico”, o primeiro libro ilustrado da activista Malala Yousafzai, Premio Nobel da Paz en 2014, no que relata a súa experiencia vital, marcada pola guerra e polas dificultades das nenas e mulleres -sobre todo no que atinxe ao acceso á educación- na rexión de Paquistán de onde procede.

Ademais da lectura pública desta obra, os actos deseñados polo equipo docente do López Ferreiro completáronse con actividades teatrais, música, baile e traballos en equipo na biblioteca do centro escolar.

Declarado pola UNESCO, o Día escolar da non-violencia ten como finalidade de promover a educación en tolerancia, a solidariedade, a concordia e o respecto polos dereitos humanos. Trátase dunha conmemoración que cobra especial relevancia nos centros escolares, que se converten no día de hoxe en espazos de actividades específicas que invitan aos nenos e nenas a reflexionar sobre a cultura da non violencia, da convivencia e da integración como valores de futuro.