Carmen Pomar salienta a importancia da colaboración entre centros educativos e empresas para fomentar a innovación

O XX concurso José Rodríguez-Moldes Rey contou coa participación dunha ducia de centros educativos

Xov, 14/03/2019 - 21:47
Carmen Pomar salienta a importancia da colaboración entre centros educativos e empresas para fomentar a innovación
Carmen Pomar salienta a importancia da colaboración entre centros educativos e empresas para fomentar a innovación

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, salientou hoxe a importancia da colaboración entre os centros educativos e destes coas empresas para fomentar a innovación. Fíxoo no acto de clausura do Concurso de Cociña e Coctelería José Rodríguez-Moldes Rey, celebrado esta mañá no IES Fraga do Eume, no que estivo acompañada polo delegado da Xunta na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro.

A conselleira explicou que as relacións entre os centros e o tecido empresarial “permiten transformar os coñecementos e a creatividade do alumnado en produtos e servizos que se integran no mercado”. Neste sentido sinalou a utilidade da Rede Galega de FP de Hostalería (que dá cabida aos 8 centros públicos especializados nesta familia profesional), que fai posible potenciar a colaboración e permite o desenvolvemento conxunto de proxectos de innovación.

Carmen Pomar felicitou, así mesmo, o IES Fraga do Eume pola organización deste certame, que responde “ao obxectivo de devolver á sociedade parte do que esta inviste na educación”, a través da transferencia de coñecementos, do intercambio de experiencias profesionais e do impulso das iniciativas innovadoras.

No certame, que chega este ano á súa vixésima edición, participaron unha ducia de centros, contando co propio IES, en concreto os CIFPs Paseo das Pontes (A Coruña), Carlos Oroza (Pontevedra), Manuel Antonio (Vigo), Compostela (Santiago de Compostela), o IES de Foz (Lugo), o IES Sanxillao (Lugo), o IES de Vilamarín (Ourense), o CPR Belarmino Fernández Iglesias (Sober), a Escola de Especialidades Fundamentais da Estación Naval de A Graña (ESENGRA, Ferrol), a Escola Hotelaría e Turismo do Douro (da Cámara Municipal de Lamego, Portugal) e a Escola de Hotelaría e Turismo de Coímbra (da Cámara Municipal de Coímbra, Portugal).

O certame naceu como homenaxe a un profesor do centro, falecido e que lle dá nome ao concurso. No apartado de cociña o alumnado participante debe preparar dous pratos consonte aos ingredientes propostos pola organización. O de coctelería divídese en dúas partes, unha de coctelería clásica e outra creativa.