O Consorcio Interuniversitario de Galicia celebra a súa primeira xunta de goberno

A conselleira de Educación asistiu a esta reunión

Mar, 26/03/2019 - 18:00
O Consorcio Interuniversitario de Galicia celebra a súa primeira xunta de goberno

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, asistiu hoxe á primeira xunta de goberno do Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia (CISUG).

O CISUG é un órgano novo con personalidade xurídica propia e adscrito á Universidade de Santiago de Compostela, aínda que conta con representación tamén da Xunta e das universidades da Coruña (UDC) e Vigo (UVigo). Cada institución académica ten un 30% de representación, mentres que o Goberno galego terá o 10%, dado que o órgano está circunscrito a materias de ámbito competencial propio das universidades.

O obxectivo desta entidade é impulsar a cooperación das tres institucións universitarias en materia organizativa, económica, técnica e administrativa co obxectivo de acadar unha maior calidade e eficiencia no Sistema Universitario de Galicia (SUG). Entre outras accións, colaborarase á hora de establecer os procedementos de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais e de admisión de alumnado ás universidades do SUG. Así mesmo, acordará as accións necesarias no caso de titulacións que sexan impartidas de xeito conxunto por máis dunha institución.

Tamén desenvolverán proxectos colaborativos de calquera tipo que redunden nunha maior eficiencia, eficacia ou consecución de fins de interese común do sistema; e impulsarán políticas de empregabilidade e de xestión coordinada sobre a inserción laboral dos seus titulados. Ademais, adquirirase, de xeito centralizado, ferramentas  informáticas, material científico, bibliográfico, ou calquera outro subministro ou servizo que comporte aforros para o conxunto do SUG.

Órganos de goberno

O CISUG estará rexido por cinco órganos de goberno. En primeiro lugar, a xunta de goberno, máxima autoridade dentro do ente que celebrou hoxe a súa primeira reunión, composto por tres representantes de cada unha das universidades e dous da Xunta de Galicia. A presidencia será exercida de forma rotatoria por un representante dunha universidade cada catro anos. A secretaría estará constituída por un dos membros da xunta de goberno e tamén terá carácter rotatorio, o consello de dirección adoptará as decisións ordinarias de funcionamento e elevará as propostas de actuación á xunta de goberno, mentres que, por último, haberá comisións de goberno para cada unha das grandes áreas do CISUG, sometidas á coordinación e dirección dos anteriores.

A xunta de goberno reunirase, polo menos, dúas veces por ano, e adoptará os seus acordos por maioría cualificada de dous terzos, aínda que se fai unha reserva á unanimidade para a adopción de acordos sobre a modificación dos estatutos, acordo de disolución ou separación, incorporación de novas funcións, réxime de goberno, orzamento, planificación anual de actividades e a organización do persoal.

Así mesmo, contará cunha xerencia para a xestión ordinaria do consorcio, e dúas direccións de áreas, especializadas en sectores de actuación concretos.