Carmen Pomar destaca a traxectoria excelente do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña)

A conselleira de Educación visitou hoxe este centro da Rede MUPEGA

Salientou que o centro sigue a ser un referente de calidade, tras máis de 150 anos de historia

Lun, 01/04/2019 - 11:22
Carmen Pomar destaca a traxectoria excelente do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña)

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou hoxe o IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña), centro do que destacou a súa traxectoria excelente. O IES forma parte da Rede MUPEGA de Institutos Históricos de Galicia, centros creados nun momento clave na historia da educación polo denominado Plan Pidal, que encamiñou o paso dos estudos do Antigo Réxime cara a un novo sistema educativo.

De feito, estes centros foron dotados no momento da súa creación cunha biblioteca, un gabinete de Historia Natural, laboratorios de Ciencias Naturais, Agricultura, Física, Química, Fisioloxía e Hixiene e cun Xardín Botánico, ademais de contar con materiais especiais para as ensinanzas que requiran dalgunha demostración, tales como as ciencias xeográficas, histórica, debuxo lineal e matemáticas. Este Patrimonio Histórico Educativo aínda é hoxe custodiado no instituto coruñés e parte del foi posto a disposición da cidadanía para o seu coñecemento na mostra Homo Sapiens, transmisor do coñecemento. Saberes humanos a través do patrimonio nos Institutos Históricos de Galicia, que se pode visitar no Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega).

A conselleira explicou que, máis de 150 anos despois da súa creación, o centro segue a ser un referente de calidade nos estudos de educación secundaria da cidade herculina e de Galicia. Ademais, adaptouse aos tempos incorporando programas como o plurilingüismo. Non en balde, sumouse á rede de centros plurilingües desde a súa primeira convocatoria, a do curso 2010/11 e conta con seccións bilingües.

O IES Plurilingüe Eusebio da Guarda participa tamén en iniciativas do Plan Proxecta e forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE). Ademais, danlle pulo á súa biblioteca a través do blog O Faro de Sofía.

Así mesmo, o centro foi escollido polo Parlamento Europeo para ser Escola Embaixadora desta institución europea desde este curso, co fin de difundir as súas actividades, valores e información sobre a democracia europea.