A Xunta aposta por un sistema educativo comprometido coa igualdade baseado na coeducación e loita contra os estereotipos

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participaron hoxe no Foro Galego de Educación en Igualdade

Ven, 05/04/2019 - 18:28
A Xunta aposta por un sistema educativo comprometido coa igualdade baseado na coeducación e loita contra os estereotipos
A Xunta aposta por un sistema educativo comprometido coa igualdade baseado na coeducación e loita contra os estereotipos

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participaron hoxe no Foro Galego de Educación en Igualdade, no que consideraron prioritario abordar actuacións dirixidas a consolidar un sistema educativo comprometido coa igualdade de oportunidades para nenas e nenos sen estereotipos de xénero e baseado na coeducación.

A conselleira de Educación sinalou a necesidade de educar en igualdade “pois son os estudantes os que poden crear un mundo novo no que esa igualdade non sexa unha utopía, senón unha realidade”. “O xénero non pode ser, en ningún caso, unha limitación para o desenvolvemento persoal nos distintos ámbitos da vida”, aseverou.

Tal e como indicou a conselleira, neste momento o sistema educativo galego, ademais de como valor transversal, traballa tamén en prol da non discriminación por sexo e a corresponsabilidade a través de materias de libre configuración autonómica (Igualdade de Xénero, en 1º e 2º da ESO, e Coeducación para o Século XXI, en 1º de Bacharelato), e un ciclo de grao superior en Promoción e igualdade de xénero. Así mesmo desde a Asesoría de igualdade dáse resposta ás necesidades que a evolución social xera á hora de situar a igualdade como un elemento transversal na organización educativa e da vida nos centros.

Carmen Pomar quixo tamén agradecer a asistencia dos docentes a este foro, e sinalou a formación do profesorado como un dos piares básicos para acadar o obxectivo da igualdade. Este traballo fai posible que nese evento varios centros educativos expoñan as súas boas prácticas en materia de coeducación, en concreto os IES Xelmírez I de Santiago, Laxeiro de Lalín, Barraña de Boiro e Dionisio Gamallo de Ribadeo.

Pola súa banda, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella comezou puntualizando que para conseguir unha sociedade respectuosa e inclusiva con todas as persoas, o traballo no ámbito educativo faise imprescindible. A existencia de roles, estereotipos e actitudes sexistas, para a secretaria xeral, perpetúan as desigualdades, polo que se fai preciso abordar un cambio máis profundo dos nosos valores e ideas.

Neste sentido, destacou que a educación é un ámbito privilexiado para estimular estas transformacións. A coeducación supón unha estratexia de intervención educativa que parte da revisión das pautas sexistas da sociedade. Por ilo ten os obxectivos de promover un desenvolvemento integral da persoa, e á vez, producir cambios nas actitudes e no comportamento do alumnado.

Coeducar, rematou López Abella, significa educar ás persoas á marxe de todos os roles e estereotipos que a sociedade impón, co fin de facilitar as mesmas oportunidades e evitar que se inculquen diferenzas motivadas por ser homes ou mulleres.