Carmen Pomar sinala como un referente na comunidade educativa a semana cultural do IES Antonio Fraguas Fraguas

A conselleira de Educación presentou a conferencia coa que Víctor F. Freixanes inaugurou o evento

Lun, 08/04/2019 - 15:38
Carmen Pomar sinala como un referente na comunidade educativa a semana cultural do IES Antonio Fraguas Fraguas

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presentou hoxe a conferencia coa que o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes inaugurou a Semana Cultural Antonio Fraguas. Un evento organizado polo IES santiagués do mesmo nome que, segundo sinalou a conselleira, é un referente na comunidade educativa. “Proxectos coma este danlle sentido ao meu labor, posto que reflicten o interese e o compromiso dos membros desta comunidade educativa co estudo e o coñecemento”, dixo.

Tras felicitar a alumnado, docentes e familias por esta iniciativa, a conselleira quixo tamén destacar a importante traxectoria vital e cultural do responsable da conferencia inaugural, Víctor F. Freixanes.

Pomar fixo, así mesmo referencia ao homenaxeado nesta Semana Cultural, Antonio Fraguas Fraguas, a quen tamén se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. “Unha persoa boa e xenerosa, un mestre con verdadeira entrega e vocación ao ensino e cun fondo respecto e sentimento de amor a Galicia”, destacou. Neste sentido, convidou ao alumnado a coñecer o seu legado, que “tras unha longa vida dedicada ao estudo das raíces galegas, representa «a esencia patrimonial do que somos», en palabras do presidente da Real Academia Galega".

Tras o relatorio de Víctor F. Freixanes, o acto de inauguración rematou coa plantación dun carballo procedente de Cotobade, terra natal de Antonio Fraguas Fraguas.

A Semana Cultural sobre Antonio Fraguas celébrase ata o 12 de abril e inclúe actividades variadas, como unha ruta teatral e musical, conferencias arredor da figura do homenaxeado, proxección de documentais, obradoiros, xogos populares e mesmo un desfile de traxe galego acompañado de música e baile tradicional. Este evento forma parte, ademais, das actividades coas que se conmemora o Día das Letras Galegas.