A 11ª Semana da Música do IES Xunqueira II (Pontevedra) mostra o centro como un referente en calidade educativa

A conselleira de Educación asistiu hoxe a esta actividade

A iniciativa forma parte das actividades que o instituto desenvolve dentro dos contratos-programa, dos que este curso desenvolve as sete liñas de actuación existentes

O centro forma parte tamén do Programa de formación e mentoring para o desenvolvemento do talento Piteas

Mar, 28/05/2019 - 12:00
A 11ª Semana da Música do IES Xunqueira II (Pontevedra) mostra o centro como un referente en calidade educativa

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, asistiu hoxe ás actividades da 11ª Semana da Música do IES A Xunqueira II, en Pontevedra, un evento xa tradicional que mostra o centro como un referente en calidade educativa. De feito, esta iniciativa forma parte das actividades que o instituto desenvolve dentro dos contratos-programa, en concreto na liña de Mellora do nivel de coñecemento para acadar a excelencia. Dentro desta mesma liña de actuación, o centro desenvolve tamén o Programa de formación e mentoring para o desenvolvemento do talento Piteas.

A conselleira felicitou o equipo directivo e docente do IES polo seu compromiso co reforzo do alumnado con máis dificultades, coa mellora das competencias clave, coa prevención do abandono temperá, coa excelencia, coa igualdade e coa mellora da xestión do centro. Non en balde, o IES desenvolve a totalidade das setes liñas de actuación que se ofertaron este curso na convocatoria de contratos-programa.

O IES A Xunqueira II está tamén implicado en diferentes iniciativas da Estratexia Galega para a Educación Dixital 2020 (Edudixital), ao abeiro da que participa no programa de libro electrónico E-Dixgal desde o curso 2017/18, así como nos Espazos Maker, concibidos como zonas específicas dentro dos centros escolares, dotadas cos medios tecnolóxicos necesarios para que o alumnado poida materializar a súa creatividade a través de proxectos propios de experimentación, isto é, “aprender facendo”. Así mesmo, levan dous cursos desenvolvendo o Club de Ciencia, unha iniciativa da Consellería que ten como finalidade estimular o espírito científico entre o alumnado ao tempo que impulsar as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) cara a estudos posteriores nos campos de coñecemento do ámbito científico tecnolóxico.

Carmen Pomar salientou que o IES participa tamén en numerosos programas do Plan Proxecta (Aliméntate ben, Proxecto deportivo de centro, Donas de si, Consumópolis, Parlamento Xove, Liga de debate forestal, Educación patrimonial e Formando creador@s.), impulsados por diferentes departamentos da Xunta de Galicia. Ademais, a biblioteca do centro conta cunha ampla experiencia no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe) e desenvolve un club de lectura que conta co apoio da Consellería a través da correspondente convocatoria.

A 11ª edición da Semana da Música do IES A Xunqueira II desenvólvese ata o próximo venres. Na xornada de hoxe o alumnado puido gozar da actuación musical das compañeiras e compañeiros do IES Frei Martín Sarmiento (Pontevedra). Ao longo da semana, ademais dos propios estudantes do IES A Xunqueira II, pasarán tamén polo escenario o CPR Eduardo Pondal (Cangas) e o CEP Campolongo (tamén da cidade do Lérez).

Ás diferentes actividades asisten tanto as alumnas e alumnos do centro como, na xornada do venres, rapazas e rapaces de 6º de primaria de diferentes centros da cidade e, en especial, dos adscritos a este instituto e que o vindeiro curso comezarán a estudar nas súas aulas. A actividade abrangue concertos, bailes, proxeccións e conferencias, e contempla actividades complementarias tanto dentro como fóra do centro educativo.