A Consellería de Educación incorporará 25 novos centros ao programa de introdución da robótica en primaria

Os centros participantes recibirán un kit de material para levar a cabo o proxecto

Sáb, 13/07/2019 - 11:00

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, vén de publicar  no portal educativo a convocatoria para incorporar o vindeiro curso 2019/20 ata 25 novos centros docentes públicos ao programa de innovación educativa Introdución á robótica educativa en primaria, co fin de que o alumnado poida iniciarse na experiencia de programación básica, robótica e construción. No caso dos centros docentes que participaron neste programa durante o curso 2018/19 a súa pertenza ao programa prorrogarase  de xeito automático  para o vindeiro curso.

O programa vai dirixido ao alumnado dos cursos 4º, 5º ou 6º de educación primaria, polo que poderán presentar solicitudes os centros que impartan estes cursos. Cada centro educativo ao que vai destinado esta convocatoria, dentro da súa autonomía, pode integrar a robótica de diversas maneiras: mediante unha materia de libre configuración de centro no marco da normativa vixente, dentro das materias de forma transversal, a través de programas de innovación educativa desta consellería ou obradoiros que se desenvolvan fóra do horario lectivo.

Cada centro docente de nova incorporación seleccionado para desenvolver o programa recibirá unha dotación de material relacionada coa robótica educativa para poder levar a cabo o  proxecto, que estará formada por 6 robots de uso educativo, adecuados ás idades do alumnado, 6 kits de construción que permitan a realización dun mínimo de 5 proxectos diferentes, un manual de uso e unha guía didáctica.

A solicitude e a documentación requirida na convocatoria débense presentar en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Ademais, tanto o anexo como a documentación remitiranse ao correo electrónico roboticaprimaria@edu.xunta.gal  nos prazos establecidos. O prazo de presentación de solicitudes e documentación finalizará o 30 de setembro de 2019.

O programa Introdución á robótica educativa en primaria enmárcase na estratexia Edudixital 2020. No curso 2018/19 participaron nesta iniciativa un total de 159 colexios públicos, todos eles dotados con kits de robots para o seu uso na aula.