Pomar aborda coa profesora e ex responsable do departamento de educación de Nova Iork, Carmen Fariña, avances en xestión educativa

A conselleira intercambiou ideas sobre a demanda de novas competencias no ensino e a relevancia de docentes e familias na aprendizaxe con esta recoñecida docente de orixe galega, firme defensora do modelo de escola inclusiva SEM

Ven, 12/07/2019 - 13:45
Pomar aborda coa profesora e ex responsable do departamento de educación de Nova Iork, Carmen Fariña, avances en xestión educativa

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, mantivo onte un encontro coa profesora de orixe galega Carmen Fariña, docente de prestixio, sobre todo durante a súa etapa á fronte do Departamento de Educación da cidade de Nova Iork.

No decurso da xuntanza, Pomar e Fariña intercambiaron ideas sobre xestión e política educativa, co foco nas demandas dun espírito crítico e cívico e de novas competencias, especialmente en linguas e TIC, nun contorno en constante evolución. Neste sentido, a conselleira de Educación puxo en valor o sistema educativo galego e a súa aposta polo plurilingüismo e a dixitalización. Afondouse tamén na comunicación e a oratoria como competencias fortes para o alumnado das escolas e nos intereses e talentos como puntos clave da aprendizaxe.

Así mesmo, abordaron a relevancia de potenciar o liderado dos directores e directoras dos centros de ensino, como axentes dinamizadores e inspiradores para a comunidade educativa, e do profesorado, como modelos para outros docentes na formación permanente. Ambas as dúas coincidiron na necesidade de reforzar a multidisciplinariedade e a personalización como factores de cambio nas aulas.

O rol das familias foi outro dos factores analizados, como elementos dinamizadores da escola en harmonía cos docentes. Nesta liña, apostan por unha coordinación estreita, desde unha participación construtiva no proceso de aprendizaxe.

Carmen Fariña é, ademais, unha firme defensora do modelo de escola inclusiva SEM, de desenvolvemento da creatividade e o talento. A conselleira compartiu con ela a experiencia galega na implantación do modelo e a aposta por implantalo en todo o ensino, tal e como anunciou na conferencia pronunciada o pasado luns na Universidade de Connecticut. Pomar viaxou esta semana aos Estados Unidos convidada polo Centro Renzulli para a Creatividade e o Desenvolvemento do Talento da Universidade de Connecticut para participar no congreso anual Confratute (Conference, Fraternity & Institute).