A Consellería de Educación inviste máis de 752.000 euros na rehabilitación integral do CEIP García Barbón

Carmen Pomar e Corina Porro comprobaron hoxe o avance das obras

A actuación forma parte do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas da Xunta de Galicia

A conselleira anunciou que o seu departamento acometerá tamén unha obra de rehabilitación no IES Santa Irene

Xov, 22/08/2019 - 11:44
A Consellería de Educación inviste máis de 752.000 euros na rehabilitación integral do CEIP García Barbón

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e a delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, comprobaron hoxe o avance das obras de rehabilitación integral do CEIP García Barbón, nas que o departamento educativo autonómico inviste 752.416,66 euros. Tal e como explicou a conselleira, o obxectivo é que unha parte dos traballos estea rematado a inicio de curso e que o resto se compatibilice co período lectivo baixo as máximas garantías de seguridade para a comunidade escolar.

Esta obra realízase a través do anticipo de tesourería aprobado no Consello da Xunta para axilizar a licitación das obras con cargo ao superávit de 2018 e forma parte do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas da Xunta de Galicia. A conselleira  anunciou tamén que o seu departamento está a preparar a obra de rehabilitación do IES Santa Irene, un dos centros de referencia da cidade da oliveira, por un importe de arredor de 1 millón de euros.

A execución da rehabilitación integral do CEIP García Barbón permitirá un aforro do 71,51 % no consumo de enerxía primaria non renovable e do 75,59 % en emisións de CO2. As actuacións contempladas inclúen medidas para acadar unha mellora da eficiencia enerxética, tales como a instalación de dúas caldeiras de biomasa e a reforma de instalación para quentar os vestiarios do ximnasio, o illamento das fachadas do edificio principal e a colocación de panel sándwich e illamento térmico na cuberta do edificio principal e no ximnasio. Así mesmo, cambiaranse as fiestras do edificio principal por unha carpintería de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e vidro dobre baixo emisivo e substituiranse as luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética.

A obra neste CEIP inclúe tamén a instalación dun ascensor e a construción dunha rampla para mellorar a accesibilidade ao centro, a colocación de falso teito desmontable nas zonas que carecen del, corredores e sala de usos múltiples, así como a reparación e pintado dos paramentos interiores.

Implicación da comunidade educativa

Durante a súa visita ao centro a conselleira quixo salientar a implicación da comunidade educativa do CEIP García Barbón. Non en balde, o pasado curso desenvolveron todas as liñas dos contratos-programa (agás a 7, dirixida a centros de secundaria e FP). Ademais, participan no programa de Introdución á Robótica en Primaria, desenvolveron un Club de Ciencia e forman parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) e da rede de seccións bilingües.

Compromiso con Vigo

Carmen Pomar quixo lembrar o compromiso que o seu departamento mantén coa cidade da oliveira. Desde o ano 2009 a Consellería ten investido 22 millóns de euros en diferentes actuacións nos centros vigueses, o que converte a Vigo no concello de Galicia con maior investimento neste sentido.