362 universitarios acadan os premios de excelencia académica 2017/18 que por primeira vez outorga a Consellería de Educación

Máis do 60 por cento das persoas premiadas son mulleres

A Consellería destina un total de 440.000 euros a estes galardóns de nova creación, cos que se recoñece o mellor expediente académico de cada un dos cursos de grao (agás o último) nas tres universidades galegas

O obxectivo é estimular o aproveitamento académico dos estudantes, incentivar a excelencia e apreciar o esforzo e compromiso que amosan co seu proceso formativo

Mér, 04/09/2019 - 10:42

Un total de 362 estudantes universitarios álzanse cos premios de excelencia académica ao alumnado de grao universitario oficial que por primeira vez outorga a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a listaxe das e dos premiados que obtiveron as mellores cualificacións no curso 2017/18 nas tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) en cada un dos cursos de grao oficial, agás o último, e que continuarán os seus estudos nas universidades galegas.

A meirande parte dos premios (o 64,4%) recaeron en mulleres, polo que estas acaparan máis de 6 de cada dez galardóns fronte ao 35,6% dos homes.

Por universidades, o 42,31% dos premios concedidos foron para a Universidade de Santiago de Compostela (USC), o 31,04% para a Universidade de Vigo (UVigo) e o 24,65% para a Universidade da Coruña (UDC).

Estes premios son unha nova liña de axudas ao estudo da Consellería de Educación, co obxectivo de motivar o alumnado universitario para mellorar o seu currículo e recoñecer a súa actitude de compromiso co seu proceso formativo e o seu mérito e esforzo no estudo. Trátase, por tanto, de estimular o aproveitamento académico dos estudantes e incentivar a excelencia co fin de seguir avanzando na construción dun Sistema Universitario Galego competitivo e de calidade.

A Consellería de Educación mobiliza un total de 440.000 euros de dotación orzamentaria nesta convocatoria, distribuídos a razón de 1.000 euros e un diploma acreditativo desta distinción.

Requisitos

Cómpre lembrar que son as propias universidades as que seleccionan os expedientes académicos das persoas que, superando a totalidade dos créditos correspondentes a un curso académico completo segundo o plan de estudos na primeira convocatoria, obtivesen a maior nota media, sempre superior aos 8 puntos.

Concédeselle un premio por cada titulación oficial de grao e programas de simultaneidade de graos ao alumnado que finalizase os estudos de 1º, 2º e 3º curso. Quedan excluídos os de último ano por poderen optar aos premios fin de carreira que tamén convoca a Consellería. Para o alumnado dos graos oficiais con máis de catro cursos, segundo o plan de estudos de ditas titulacións, esténdese o premio ata o cuarto curso para os graos de 5 anos e ata o quinto curso para os graos de 6 anos.

Esta nova liña de axudas enmárcase, ademais, no Plan de Excelencia do Sistema Universitario de Galicia para o trienio 2018-2020, que lles permitirá dar un novo salto de calidade ás universidades galegas para seguir avanzando nun camiño de vangarda e excelencia. Ademais, veñen completar os Premios Fin de Carreira, que cada ano lles outorga a Consellería aos mellores expedientes dos egresados nas universidades do SUG.