Carmen Pomar visita o IES Santa Irene (Vigo) para coñecer de preto os programas educativos neste centro, que é dos máis antigos da cidade

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional estivo acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro

Mar, 15/10/2019 - 13:09
Carmen Pomar visita o IES Santa Irene (Vigo) para coñecer de preto os programas educativos neste centro, que é dos máis antigos da cidade

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, visitou hoxe as instalacións do IES Santa Irene de Vigo, para coñecer de cerca os programas educativos que está desenvolvendo este centro da man do profesorado.

O IES Santa Irene,   que conta actualmente cuns 740 alumnos matriculados entre as etapas de ESO e Bacharelato, foi un dos institutos emblemáticos da cidade olívica cando se puxo en funcionamento no curso de 1945-46. Segundo Carmen Pomar, hoxe, case 75 anos despois, segue a ser un referente na educación na cidade olívica, con especial implicación nos proxectos do ámbito da biblioteca escolar. Neste último apartado, o centro participa no Plambe (Plan de Mellora da Biblioteca Escolar) así como nos Clubs de Lectura, ambos impulsados e financiados pola Consellería de Educación.

Así mesmo, o curso pasado participou tamén nos Contratos-programa da Consellería, concretamente no que atinxe  á liña 1, de Reforzo orientación e apoio (PROA) a través do cal se presta apoio específico ao alumnado con máis dificultades; e na liña 7 (de reforzo de competencias clave) con acompañamento fóra do horario lectivo que supón a creación de grupos de reforzo das competencias matemática, en comunicación lingüística, e as competencias básicas en ciencia e tecnoloxía.

Carmen Pomar lembrou que o seu departamento está traballando nunha regulación para a incorporación de novos IES á Rede de Institutos Históricos do MUPEGA (Museo Pedagóxico de Galicia), á que podería adherirse o instituto Santa Irene, dadas as súas características arquitectónicas.

Neste momento están considerados Institutos Históricos da Rede Mupega (por ser extensións do museo que custodian patrimonio histórico educativo) un total de seis centros, en concreto os IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña), Salvador de Madariaga (A Coruña), IES Lucus Augusti, Ramón Otero Pedrayo (Ourense), Sánchez Cantón (Pontevedra) e Arcebispo Xelmírez I (Santiago de Compostela).

Posteriormente a conselleira, acompañada da delegada territorial de Vigo, desprazouse á Escola Superior de Arte Dramático (ESAD), onde visitou as súas instalacións e intercambiou información coa dirección do centro.