Educación reforza con 64 M€ o apoio á investigación científica universitaria en 2020, un 4,3% máis que no presente exercicio

Pomar achegouse ao CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes) con motivo da xornada de portas abertas para a divulgación científica

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional agradeceu a importancia de iniciativas coma esta para achegarlle á poboación o labor que realizan os axentes científicos máis importantes de Galicia; ao tempo que ratificou a aposta do seu departamento por afianzar un sistema galego de investigación universitario forte e competitivo no eido nacional e internacional

As universidades galegas recibirán o vindeiro ano arredor de 441 millóns de euros en transferencias directas, o maior importe dos últimos anos, xa que representa un 18% máis que en 2015

Sáb, 16/11/2019 - 12:00
Educación reforza con 64 M€ o apoio á investigación científica universitaria en 2020, un 4,3% máis que no presente exercicio

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, reforza a investigación universitaria galega para o vindeiro ano 2020 cunha dotación orzamentaria de 64 millóns de euros, o que supón un incremento do 4,3% con respecto á partida establecida no presente exercicio. Esta partida específica forma parte dos arredor de 441 millóns de euros en transferencias directas ao Sistema Universitario de Galicia (SUG) para o vindeiro ano, o maior importe previsto  nos últimos anos xa que representa un crecemento do 18% con respecto a 2015.

Así o sinalou esta mañá a conselleira de Educación, Carmen Pomar, na súa visita ao CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes) da Universidade de Santiago de Compostela con motivo dunha xornada de portas abertas que ten como obxectivo mostrar ao público en xeral -e aos máis pequenos en particular- o labor científico que se leva a cabo nestes centros. A conselleira estivo acompañada do reitor da USC, Antonio López.

Deste xeito, a través de diversas actividades como obradoiros de robótica, visitas a laboratorios, experimentos ou demostracións de química, física ou biomedicina entre outros, os cidadáns poden coñecer máis de cerca o traballo diario que realizan os científicos e investigadores e a súa aplicación práctica. Trátase dunha iniciativa organizada pola Rede de Centros Singulares de Investigación da USC que aglutina ao mencionado CiTIUS, o CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares), o CiMUS (Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas) e o IGFAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías).

A conselleira de Educación agradeceu a importancia de iniciativas coma esta para achegarlle á poboación o labor que realizan os axentes científicos máis importantes de Galicia; ao tempo que ratificou a aposta do seu departamento por afianzar un sistema galego de investigación universitario forte e competitivo no eido nacional e internacional.

Pomar incidiu no obxectivo de avanzar nunha estrutura de investigación universitaria máis sólida e competitiva no eido internacional, que repercuta nunha maior atracción de talento por parte das Universidades galegas así como na mellora do seu posicionamento nos ránkings universitarios

Precisamente unha das accións máis importantes neste eido é a reestruturación e reforzo dos Centros de Investigación do SUG, para o cal a Consellería de Educación ten habilitado unha liña de axudas dotada con 20,5 millóns de euros para o período 2019-2022.

Esta convocatoria suporá un salto cuantitativo e cualitativo no impulso dos maiores axentes científicos de Galicia que son os cinco Centros Singulares de Investigación (CiTIC na UDC, CiMUS, e CiQUS na USC; e ECIMAT e CIMBIO na UVigo) e dúas agrupacións estratéxicas consolidadas (CiTIUS da USC e AtlanTIC da UVigo), ademais do IGFAE (centro mixto Xunta-USC, único de Galicia que conta coa acreditación María de Maeztu do Estado).

Deste xeito, a partires de agora haberá unha única escala de Centros de Investigación, que recibirán entre un máximo de 1 millón de euros e un mínimo de 500.000 euros en función da cualificación obtida por parte dun comité de expertos científicos segundo estándares estatais e europeos de avaliación.