Educación amplía a gratuidade das matrículas universitarias a todas as vítimas de violencia de xénero

A conselleira Carmen Pomar explicou que o Decreto de Taxas e Prezos Públicos para o próximo curso eliminará a limitación temporal de cinco anos establecida ata o de agora para dita exención

Sáb, 23/11/2019 - 12:00
Educación amplía a gratuidade das matrículas universitarias a todas as vítimas de violencia de xénero

A partir do vindeiro curso os estudantes recoñecidos como vítimas de violencia de xénero non terán limitación temporal para a exención do pagamento das matrículas universitarias nas tres universidades do Sistema Universitario Galego (SUG).

Así o anunciou esta mañá a conselleira de Educación, Carmen Pomar, que especificou que no Decreto de Taxas e Prezos Públicos para o curso 2020-21 se eliminará a limitación que establece un período máximo de cinco anos desde o recoñecemento como vítima para beneficiarse da exención das taxas universitarias. Isto é, equipárase a situación dos estudantes vítimas de violencia de xénero coas vítimas de terrorismo e, polo tanto, quedarán exentos do pagamento das matrículas universitarias en Galicia independentemente de cando teñan recoñecida esa condición. 

Con motivo da súa participación nunha xornada de Prevención da Violencia de Xénero desde a Escola que tivo lugar en Santiago, Carmen Pomar subliñou que esta medida forma parte do conxunto de accións “que está desenvolvendo o seu departamento e o Goberno galego no seu conxunto en prol da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes.

Entre estas iniciativas cómpre subliñar que os centros educativos dispoñen dunha dotación específica para que elaboren plans de igualdade no marco do súa programación xeral anual, as maletas da igualdade (con diversos materiais para traballar sobre a diversidade, os estereotipos, o feminismo, a historia das mulleres, a identidade ou as relacións de parella), e a oferta de dúas materias de Libre Configuración Autonómica nos centros como son Igualdade de Xénero en ESO (impartida en 55 centros e con 1.553 alumnos matriculados) e Coeducación para o Século XXI en Bacharelato (que neste segundo curso de implantación ofértase en 14 centros educativos e conta con 188 matriculados). 

Ademais do traballo co alumnado, a Consellería considera que a formación do profesorado é outro dos piares fundamentais nos que actuar para fomentar a igualdade. Así, a través do Plan Anual de Formación do Profesorado que cada ano deseña a Consellería, faise un especial fincapé na formación en materia de igualdade, diversificando a oferta de actividades formativas, e ampliando as edicións das actividades e as súas distintas modalidades.

“O xénero -subliñou a conselleira- non pode ser, en ningún caso, unha limitación para o desenvolvemento persoal nos distintos ámbitos da vida. Por iso, a igualdade é a única opción para lograr o avance socioeconómico e cultural de Galicia”. Pomar agradeceu a participación nesta xornada formativa que axudará a identificar estratexias e instrumentos para detectar situacións de violencia de xénero, compartir actuacións e boas prácticas que favorezan a prevención, e afondar nos protocolos de actuación ante este tipo de situacións.

Ademais de conferencias específicas, a Xornada de hoxe complétase cunha serie de obradoiros sobre convivencia escolar, casos prácticos, lecturas e accións de sensibilización; así como mesas de discusión que contan coa presencia de centros escolares e dos propios alumnos.