A Consellería de Educación convoca os exames para a obtención de carnés e habilitacións profesionais en 15 especialidades

O obxectivo desta convocatoria é facilitar a obtención desta acreditación, que favorece a incorporación ao mercado laboral das persoas que a posúen

Sáb, 15/02/2020 - 12:00

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de convocar os exames para a obtención de carnés e habilitacións profesionais nun total de 15 especialidades diferentes. As probas desenvolveranse en dúas convocatorias. Para a primeira, o prazo de presentación de solicitudes será desde o día 17 de febreiro ao día 3 de marzo de 2020, ambos os dous incluídos; mentres que para a segunda estará aberto desde o día 22 de xuño ao día 3 de xullo de 2020, ambos os dous incluídos. O obxectivo desta convocatoria é facilitar a obtención desta acreditación, que favorece a incorporación ao mercado laboral das persoas que a posúen.

Os exames que se celebrarán en cada convocatoria son os que se reflicten na seguinte táboa:

Primeira convocatoria

Carnés profesionais:

- Operador/a de guindastre torre.

- Operador/a de guindastre móbil autopropulsado, categoría A.

- Operador/a de guindastre móbil autopropulsado, categoría B.

Habilitacións profesionais:

- Operador/a industrial de caldeiras.

Segunda convocatoria

Carnés profesionais:

- En instalacións térmicas de edificios.

- De operador/a de guindastre torre.

- De operador/a de guindastre móbil autopropulsado, categoría A.

- De operador/a de guindastre móbil autopropulsado, categoría B.

Habilitacións profesionais:

- Operador/a industrial de caldeiras.

- Instalador/a de gas, categoría A.

- Instalador/a de gas, categoría B.

- Instalador/a de gas, categoría C.

- Instalador/a de produtos petrolíferos líquidos, categoría I.

- Instalador/a de produtos petrolíferos líquidos, categoría II.

- Reparador/a de produtos petrolíferos líquidos, categoría III.

- Manipulador/a de equipamentos con sistemas frigoríficos de calquera carga de refrixerantes fluorados.

- Manipulador/a de equipamentos con sistemas frigoríficos de carga de refrixerante inferior a tres quilogramos de gases fluorados.

- Manipulador/a de equipamentos de transporte refrixerado de mercadorías de calquera carga de refrixerantes fluorados.

- Manipulador/a de equipamentos de transporte refrixerado de mercadorías que empreguen menos de tres quilogramos de refrixerantes fluorados.

 

Para seren admitidas á realización das probas, as persoas aspirantes deberán estar en idade legal laboral ou teren a idade mínima que, de ser o caso, poida esixir a normativa sectorial correspondente; así como cumprir os requisitos específicos que para cada especialidade se establezan na normativa vixente.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Xunto coa solicitude deberase presentar xustificante para a Administración do impreso correspondente de autoliquidación de taxas (importe de 40,77 euros), validado pola entidade bancaria onde se realice o ingreso. As persoas aspirantes que desexen obter máis dun carné profesional ou habilitación profesional presentarán unha solicitude por cada un deles, xunto coa correspondente documentación xustificativa.

As datas, hora e lugares de realización dos exames publicaranse xunto coa listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas.

Estrutura das probas

Os exames estarán constituídos por dúas partes, e versarán sobre os coñecementos, e contidos especificados na regulamentación de cada especialidade e que constitúen a materia de avaliación.  A primeira parte consistirá nun exercicio teórico escrito de resolución dun cuestionario tipo test proposto polo tribunal de cada especialidade. Poderá incluír cuestións sobre coñecementos tecnolóxicos e cálculos básicos no ámbito da competencia do carné profesional ou da habilitación profesional.

A segunda parte estará composta por un suposto práctico escrito ou unha proba real de manipulación, manobra ou operación, sobre a resolución dun problema ou de varios, ou sobre o seguimento de instrucións contextualizadas, segundo determine o tribunal, en relación cos requisitos prácticos propios de cada especialidade.

Para os carnés de operador/a de guindastre móbil autopropulsado, a segunda parte consistirá nunha proba de demostración real de destreza na manobra e na operación co guindastre baixo as instrucións e as indicacións especificadas polo tribunal. Esta proba poderá realizarse empregando un guindastre móbil autopropulsado ou un simulador.