Carmen Pomar avoga pola atención á diversidade no marco dunha escola inclusiva

A conselleira de Educación interveu na apertura do Congreso Mundial Educa 2020

Xov, 27/02/2020 - 17:36
Carmen Pomar avoga pola atención á diversidade no marco dunha escola inclusiva

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou esta tarde na inauguración da 3ª edición do Congreso Mundial Educa 2020, onde avogou pola atención á diversidade, ligada á potenciación do talento, para avanzar nunha escola inclusiva.

En palabras da conselleira, “a escola inclusiva é unha oportunidade para  todo o alumnado, para o sistema educativo en xeral, e para os docentes, na medida en que contribúe a detectar as fortalezas e as singularidades de cada estudante” e, por tanto, “é a escola a que debe axudar a descubrir, canalizar e potenciar ese talento individual”. Así mesmo, a titular de Educación do Goberno galego defendeu a cultura do esforzo como forma de “progreso persoal” no marco dun clima escolar “ordenado e esixente”.

O 3º Congreso Mundial Educa 2020 reúne en Santiago de Compostela a arredor de 1.000 profesionais relacionados co eido educativo que durante tres días afondan en temas de actualidade como as intelixencias múltiples na aula, a neuroeducación, a educación inclusiva, a disciplina positiva, a xestión de conflitos na aula, ou a neurociencia, entre outros.