A Xunta comprométese a colaborar na contribución da investigación galega á loita contra o COVID-19

Mér, 18/03/2020 - 15:07
reunión por videoconferencia

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar; e a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN, da Consellería de Economía, Emprego e Industria), Patricia Argerey; mantiveron esta mañá unha reunión por videoconferencia co ministro de Ciencia e Innovación, Pedro Duque, e con responsables dos departamentos desta materia en outras Comunidades Autónomas. A Xunta de Galicia comprometeuse a colaborar para que a investigación galega poida contribuír á loita contra o COVID-19.

No transcurso do encontro o ministro explicoulles os traballos científicos e de investigacións que se está a realizar no Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) e no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en materia de proxectos relativos ao COVID-19. Neste sentido solicitoulles ás Comunidades a compilación de material e persoal capacitado para a realización do test de diagnose do virus entre os centros de investigación autonómicos. Así mesmo pediu que os gobernos autonómicos informen de todos os proxectos de centros, grupos de investigación e empresas arredor do coronavirus ou que poidan contribuír á loita contra a enfermidade.