Carmen Pomar salienta a importancia da transferencia dos resultados da investigación á sociedade

Organizado pola Real Academia Galega de Ciencias, o obxectivo do acto é recoñecer a implicación dos investigadores galegos e dar a coñecer os proxectos que están a desenvolver arredor da pandemia

A Consellería vén de asegurar aos Centros de Investigación unha liña de financiamento estable de 20,5M€

Mér, 22/07/2020 - 22:38

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional en funcións, Carmen Pomar, participou hoxe no acto A ciencia con Galicia na crise da covid-19, de recoñecemento á capacidade de resposta da ciencia en Galicia fronte á pandemia, así como ao grao de implicación das investigadoras e investigadores, unha homenaxe organizada pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC).

Durante a súa intervención Pomar salientou a importancia da transferencia dos resultados da investigación á sociedade. “Este acto é –dixo– un recoñecemento a proxectos de áreas de excelencia da investigación universitaria en Galicia, a saúde e a biomedicina”, unha excelencia que “non é froito da casualidade”, senón “o resultado dunhas políticas de actuación que levan máis dunha década desenvolvéndose, como resposta ás necesidades da sociedade para reforzar os vínculos entre educación, investigación e saúde”, destacou.

Neste sentido explicou que “moitos dos aquí presentes hoxe traballan en centros de investigación acreditados como centros de referencia pola Xunta de Galicia”. “Esta aposta decidida permitiu consolidar as políticas de recursos humanos, así como, nos últimos anos, traballar na creación de estruturas supra-grupais que favorecen a creación de coñecemento de fronteira, a competitividade no acceso a fontes de financiamento ou a mellora da calidade e do impacto da produción científica”, salientou.

Cómpre lembrar que a Consellería vén de asegurar unha liña de financiamento estable dos Centros de Investigación universitarios para o período 2019-22, incorporando unha serie de melloras ás axudas para a súa acreditación e financiamento que supón unha inxección de 20,5 M€ para este período. Isto significa o maior investimento público realizado ata o de agora no sistema científico universitario galego (un 66% máis con respecto á anterior convocatoria en termos relativos). O obxectivo é avanzar nunha estrutura de investigación universitaria máis sólida e competitiva no eido internacional, que repercuta nunha maior atracción de talento por parte das universidades galegas así como na mellora do seu posicionamento nos ránkings universitarios.

A conselleira en funcións agradeceu o traballo das investigadoras e investigadores e celebrou o recoñecemento que supón o acto celebrado hoxe, co que se pon en valor “ o voso esforzo, a vosa entrega á ciencia, o voso talento”.

Proxectos arredor de 6 áreas

No acto desta tarde presentáronse tamén os 20 proxectos que están a desenvolver diferentes grupos de investigacións das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) arredor da covid-19, centrados en 6 áreas: Detección do virus en augas residuais, Modelado da infección, Desenvolvemento de vacinas, Biomedicina, Diagnose e Desactivación do virus.

Ademais da conselleira e as persoas investigadoras, participaron neste acto o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan M. Lema Rodicio; e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López.