O Comité Educativo solicitará orientacións específicas que permitan optimizar a ventilación nas aulas

Buscaranse propostas de carácter técnico que poidan contar co aval das autoridades sanitarias en base a criterios científicos

Román Rodríguez deu conta da creación dun Equipo Covid na estrutura da Consellería que xa está traballando de facto na coordinación dos asuntos relacionados coa pandemia e que exerce de canle de comunicación cos centros e con Sanidade

No marco do Comité Educativo tamén se está traballando na creación de comisións provinciais de seguimento ante situacións de absentismo con orixe na covid-19

Informouse ademais da constitución dun grupo de traballo encargado de elaborar as normas propias que se aplicarán en Galicia para corrixir o ‘decreto do aprobado xeral’, co obxectivo de garantir a calidade do sistema educativo galego

Mar, 20/10/2020 - 16:30

O Comité Educativo vai solicitar a elaboración dunhas orientacións específicas de carácter técnico que permitan optimizar a ventilación dos centros escolares, e que deberán estar avaladas polas autoridades sanitarias en base aos criterios científicos.

Ante a dinámica para os próximos meses e conscientes das inquedanzas das familias sobre este asunto, o Comité Educativo debateu esta mañá a necesidade de traballar nunhas pautas de ventilación tendo en conta as características tipolóxicas dos centros escolares.

Se ben no protocolo xeral de inicio de curso xa se indican unhas medidas de ventilación concretas e específicas, agora trátase de desenvolver de xeito máis pormenorizado estas medidas e adaptalas ás distintas situacións metereolóxicas e ás características dos centros educativos.

Equipo Covid da Consellería

Doutra banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, deu conta ante o Comité Educativo do funcionamento do Equipo Covid da Consellería, no que se centralizan os asuntos relacionados coa pandemia e que se encarga, entre outras tarefas, da xestión de datos e da coordinación cos centros educativos e con Sanidade.

Este Equipo Covid, segundo matizou o conselleiro, xa existe de facto e leva traballando desde hai semanas, pero agora váiselle conferir unha natureza normativa a través dunha resolución que se publicará nos próximos días. Este equipo Equipo Covid é a canle de información directa dos centros educativos coa Consellería, ao que poderán elevar calquera dúbida, consulta, cuestión ou problemática que xurda respecto á pandemia.

Seguimento de situacións de absentismo

No marco do Comité Educativo tamén se está traballando nunha proposta para crear comisións provinciais de seguimento ante posibles situacións de absentismo con orixe na covid-19.

Nestes momentos o Protocolo marco de inicio de curso xa aborda o proceso de escolarización para o caso do alumnado en situacións de vulnerabilidade, sempre tendo en conta as indicacións médicas.

Non obstante, a Consellería −en liña coas recomendacións do informe da Avogacía do Estado, e atendendo tamén ás demandas dos centros− ve necesario facer un seguimento con especial sensibilidade sobre casos de absentismo derivados do contexto covid, co fin de obter información detallada e tomar as decisións máis axeitadas tendo en conta todas as variables que poden concorrer para cada situación.

De aí que se vaian crear comisións provinciais de seguimento ante posibles situacións de absentismo, que terían por obxecto analizar aqueles casos nos que non houbese unha clara xustificación para as ausencias que descartase a apertura de protocolo de absentismo e a atención por outros medios (virtual ou domiciliara), e valorar a súa evolución, sempre desde una perspectiva educativo-sanitaria e de benestar psicosocial.

Normas propias a prol da calidade

Así mesmo, o conselleiro informou da posición do Goberno galego respecto do Real Decreto Lei do Estado que permite a promoción de curso sen que se teña en conta o número de suspenso.

Tras expoñer a súa preocupación por un texto que pode xerar desigualdade entre o alumnado e que vai en contra dos principios básicos da educación como son o esforzo e a motivación, Román Rodríguez explicou que desde a Secretaría Xeral de Educación formouse un grupo de traballo integrado por docentes, inspectores e orientadores para elaborar unhas normas propias que posibiliten manter a calidade do ensino en Galicia.