Educación recorda ao alcalde de Vigo que investiu nos centros deste concello máis de 10 millóns de euros na presente lexislatura

Considera un despropósito as declaracións de Abel Caballero e recórdalle que moitas das deficiencias actuais dos colexios débense á falta de mantemento

Pide que se axilice dende a alcaldía a cesión de terreos para a construción dun novo centro que substitúa ao Altamar

Mér, 18/01/2012 - 19:55

O xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, recorda ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que a Consellería de Cultura e Educación investiu na presente lexislatura máis de 10 millóns de euros.

Deste xeito, dende o departamento autonómico laméntanse as declaracións realizadas hoxe polo rexedor olívico contra Educación, considerándoas “un despropósito”, xa que aos 6.700.000 euros investidos en Primaria hai que sumar os 2.362.286 euros destinados a diversas obras en Secundaria e o millón de euros licitados para as obras dos comedores do Pintor Laxeiro e o CEIP O Pombal.

“En total, investimos máis de dez millóns no que levamos de lexislatura”, explicou Pérez Ares. E recordoulle a Abel Caballero que o único que a alcaldía de Vigo aportou á Xefatura Territorial foi un libro-informe “no que se recollían as deficiencias dos centros educativos da cidade, problemas dos que xa éramos coñecedores e que, na súa maioría débense a falta de conservación e mantemento dos colexios, labor que corresponde aos municipios”.

En Primaria, a Consellería de Cultura e Educación investiu 6.700.000 euros, nos que destacan os case 2.100.00 euros destinados ao centro Virxen do Rocío, “onde proximamente rematarán as obras”, explicou o xefe territorial. Ao mesmo tempo tamén se rematou a rehabilitación do centro de educación especial Saladino Cortizo, por un importe de 1.715.000 euros, “que ven a cumprir as expectativas da comunidade educativa dun centro con características especiais e que logrou unha maior operatividade na atención do alumnado”.

En Secundaria, as reformas realizadas nos centros de Vigo foron variadas e importantes, destacando as obras do IES Álvaro Cunqueiro ou a reforma do CIFP Manuel Antonio no ciclo de Hostalería. De feito, recordou Pérez Ares que o propio alcalde estivo presente na inauguración destas obras, “que permitiron dotar a Vigo dun centro de referencia no ámbito da hostalería en Galicia e que a día de hoxe supera tódalas expectativas en canto ao número de alumnado”.

Tamén destacou o xefe territorial a importancia do remate das obras na Escola Superior de Arte Dramático da cidade olívica e do Conservatorio de Música, no que se investiron 239.020 euros na cuberta do mesmo.

Deste xeito, o investimento en Secundaria chegou nesta lexislatura en Vigo aos 2.362.286 euros. “Quero destacar que, neste tempo de crise no que se están a optimizar os recursos, cabe destacar estas cifras porque supoñen un gran esforzo por parte da administración autonómica”, engadiu César Pérez.

Comedores escolares

O xefe territorial de Educación tamén quixo destacar o investimento realizado dende a Consellería de Cultura e Educación no ámbito dos comedores escolares, tanto na súa ampliación como na mellora de instalacións, que suman máis dun millón de euros.

Deste xeito, leváronse a cabo obras nos comedores do CEIP Balaidos, do CEIP Otero Pedraio, do Pintor Laxeiro e do Pombal. “Cabe lamentar que a día de hoxe esteamos a agardar aínda pola licenza municipal para executar as obras do comedor do Illas Cíes, partida orzamentaria que leva esperando xa un ano por este permiso para ser executada”.

“Quero recordarlle ao alcalde de Vigo”, engadiu Pérez Ares, “que a Consellería está a traballar para manter os 20 comedores que son da súa competencia nesta cidade e, ademais, apoia economicamente ao resto de comedores dos centros educativos de Vigo que son competencia da Federación olívica de Anpas, a quen, por certo, agradecemos o seu esforzo”.

CEIP Altamar

Finalmente, dende a Xefatura Territorial de Educación faise un chamamento a Abel Caballero para que axilice os terreos para a construción dun novo centro educativo no CEIP Altamar. “Reiteramos en varias ocasións esta petición ao rexedor sen ter, polo momento, resposta algunha”, explicou Pérez Ares.

“Tamén estamos á espera de que o alcalde de Vigo cumpra co seu compromiso e cubra o patio do CEIP Daniel Castelao”, rematou o xefe territorial, “onde, por certo, seguimos á espera de que se nos informe sobre os terreos anexos a este centro que se poden reservar para a súa futura ampliación”.

Cómpre sinalar que o xefe territorial destacou que o principal obxectivo e mellorar a calidade educativa e que a nosa prioridade e dar resposta a todas as necesidades das comunidades educativas en toda Galicia.