Cultura e Educación reúne na Cidade da Cultura de Galicia a 600 escolares de educación primaria para festexar a lingua galega

O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería asistiu a este acto que celebran anualmente as escolas católicas durante o mes das Letras Galegas

No marco da Festa da Lingua danse a coñecer os autores gañadores do Premio Frei Martín Sarmiento de literatura infantil e xuvenil en galego

Xov, 03/05/2012 - 15:02
Valentín García asistiu á Festa da Lingua, organizada por Ferega
Valentín García asistiu á Festa da Lingua, organizada por Ferega

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora na celebración da Festa da Lingua que promove anualmente a Federación de Relixiosos do Ensino en Galicia (Ferega-Ceca), que se celebra hoxe e mañá na Cidade da Cultura de Galicia. Ao acto de inauguración asistiu o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García, quen animou os escolares dos centros católicos  “a seguir participando na promoción da lingua propia de Galicia, no eido literario e en todos os eidos da vida, e mais a seguir desfrutando da ledicia de termos un idioma coma o galego”.

No marco desta celebración, daranse a coñecer os galardoados na categoría de primaria do Premio Frei Martín Sarmiento, que resolve o alumnado votando polas súas novelas favoritas. García Gómez valorou a participación dos rapaces e rapazas na resolución deste certame e indicou que “esa mesma participación activa a prol da lingua se espera de vós no futuro”. Ademais, durante a Festa da Lingua, celébranse obradoiros variados e encontros dos rapaces e rapazas cos seus escritores favoritos.

O incremento constante da participación nesta celebración obrigou á organización a celebrar este ano a festa en varias localidades galegas, co fin de repartir o alumnado en distintas localidades. Ademais de en Santiago, a Festa da Lingua celebrouse en Ourense o 19 de abril e en Pontevedra o 24 do mesmo mes.Deste xeito, a iniciativa que impulsa a Federación de Relixiosos do Ensino en Galicia (Ferega-Ceca) en colaboración con Cultura e Educación reunirá na presente edición máis de 1.000 alumnos e alumnas de primaria de diversos centros de ensino pertencentes á federación.

Colaboración de Ferega con Cultura e Educación para promover o uso da lingua

Ferega está a desenvolver un amplo programa de actuacións destinadas a impulsar o uso do galego na súa actividade, no marco do convenio de colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Neste sentido, distribúe modelos de documentación e manuais de galego para o persoal de administración dos centros e material para as principais festas do ano litúrxico, o servizo Remol e material pastoral en galego, libros de oracións infantís e folletos coas respostas da misa en galego.

Canto ás actuacións dirixidas á docencia, o convenio inclúe a realización de cinco cursos de formación para o profesorado, ademais doutras xornadas e actuacións informativas destinadas a favorecer a normalización deste colectivo, entre as que destaca a VIII Xornada de Normalización Lingüística Ferega-Ceca, así como a posta en marcha do “Intercambiador de material didáctico” en liña. Para o alumnado, inclúe, ademais desta nova edición da Festa da Lingua, a V Edición do Concurso de Curtametraxes “Rec-Curta” e a IX Edición do Premio Frei Martín Sarmiento.

Menús News node R