Cultura e Educación destina máis de 5,5 millóns de euros a axudas de apoio á etapa predoutoral dos titulados nas universidades galegas

Así no 2012 e 2011 a Consellería oferta case duascentas prazas consolidando a aposta pola investigación

Galicia é a primeira comunidade autónoma en impulsar liñas estratéxicas para a formación no marco dos campus de excelencia internacional: Campus Vida (USC) e Campus do Mar (UVigo)

Xov, 07/06/2012 - 16:53

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investirá máis de 5,5 millóns de euros na concesión de axudas do Programa de apoio á etapa predoutoral, no marco do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (Plan I2C) para o ano 2012, segundo o autorizado hoxe polo Consello da Xunta.

Nesta convocatoria, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad presta especial atención aos sectores estratéxicos nos cales Galicia posúe contrastada potencialidade, o que se reflicte nas modalidades para os campus de excelencia internacional Campus do Mar - liderado pola Universidade de Vigo- e Campus Vida - liderado pola Universidade de Santiago de Compostela-. Deste xeito Galicia pasa a ser a primeira comunidade autónoma que impulsa liñas estratéxicas para a formación nestes ámbitos.

Con estas axudas o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad fomentará que as universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) contraten tituladas e titulados superiores para a súa formación como doutores nos seus centros. A contratación deste persoal nas etapas iniciais é de gran relevancia para lograr que o sistema alcance unha dimensión dos seus recursos humanos de investigación comparable a outros países europeos. Esta etapa constitúe, ademais, a base para que mediante a execución dun proxecto de investigacións se adquiran as habilidades propias do persoal investigador.

Contía e requisitos

A Consellería financiará un máximo de 99 contratos, 75 na modalidade de axudas de apoio á etapa predoutoral de carácter xeral e 12 para as modalidades correspondentes a cada un dos respectivos campus de excelencia.

Deste xeito consolídase o incremento de prazas iniciado pola Consellería o ano pasado. Así, respecto do antigo Plan Incite cómpre sinalar que o número de prazas se incrementou en preto dun 25% nas prazas para a formación na carreira investigadora. Deste xeito en 2012 haberá a maior oferta de contratos programas predoutorais no I+D+i galego.

Poderán solicitar estas axudas, co visto e prace da súa universidade, as tituladas e titulados superiores que se vaian formar como doutores nas universidades do SUG. Os seleccionados quedarán vinculados á universidade onde desenvolven a súa actividade a través dun contrato de traballo en prácticas ou dun contrato laboral.

Incompatibilidades

Os seleccionados para percibir estas axudas poderán recibir bolsas que se convocan para cubrir algunha das accións formativas que vaia realizar segundo o seu proxecto, tales como asistencia a congresos, seminarios e cursos de especialización ou estadías noutros centros para aprender ou intercambiar técnicas de investigación.

Porén, as axudas concedidas serán incompatibles con outras axudas ou subvencións que teñan a mesma finalidade e coa realización doutro traballo remunerado. Tampouco poderá beneficiarse destas axudas quen teña sido contratado coas axudas do Programa María Barbeito do INCITE, Predoutorais do I2C ou outras homologables, agás as axudas predoutorais da propia universidade, ás cales terá que renunciar no caso de ser seleccionado.

A convocatoria desta axudas constitúe unha aposta da Xunta de Galicia polos recursos humanos ligados ao Sistema Galego de I+D+i, unha iniciativa que se está a ver reforzada coa posta en marcha do novo Plan Galego de Investigación, Innovación e Coñecemento 2011-2015 (I2C).

Menús News node R