A consellería de Educación e a Fundación Paideia impulsan a excelencia musical cos IV premios á ‘Mans Futuro 09’

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luís Mira Lema; e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal Rodríguez; asistiron ao acto de entrega, no que foron galardoados 5 músicos

Mér, 21/04/2010 - 12:25

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luís Mira Lema, asistiu hoxe á entrega dos IV Premios á Excelencia Musical ‘Mans Futuro 09’, outorgados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Paideia Galicia. Na cerimonia foron galardoados co primeiro premio Nuria Lorenzo López, alumna de canto; co segundo premio, Javier Guzmán Figueira Domínguez, alumno de violín; e co terceiro, Jorge Ricardo Genó Alonso, estudante de piano. Ademais, recibiron mencións de honra Dolores García García e Adrián Silva Magdalena, alumnos de clarinete e frauta, respectivamente.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria continúa así a fomentar a excelencia dos estudantes dos conservatorios superiores de música de Galicia, con iniciativas que recoñecen o seu esforzo e traballo diario. Nesta mesma liña, Con este mesmo fin, a Consellería de Educación e Caixanova fixeron entrega o pasado luns dos premios do III certame de Interpretación Musical 2009, tamén para potenciar a excelencia musical do alumnado recén titulado nos Conservatorios Superiores de Galicia.

O director xeral de Educación, xunto co xurado do premio, felicitou aos 5 estudantes polo alto nivel profesional e musical acadado nas súas interpretacións, e animounos a seguir traballando duro porque “de seguro lles esperan grandes éxitos no seu desenvolvemento profesional nun futuro próximo”.

Como premio, os galardoados gravarán un CD o estudio de gravación MANS, dependente da Fundación Paideia, que será mesturado, editado e masterizado tamén polo mesmo estudio.

Proxección do alumnado

Estes premios, promovidos a través de MANS estudio de gravación, serven como proxección para os mozos e mozas galegos, recollendo o seu traballo coa gravación e promoción dun CD. Deste xeito, tal e como sinalou o director xeral de Educación, os galardóns teñen como obxectivo “o recoñecemento ao esforzo dos estudantes dos conservatorios superiores de música de Galicia, servindo, asemade, como proxección para os mozos e mozas galegos”.

Para acceder a estes galardóns os alumnos e alumnas debía ter acadado a cualificación de sobresaliente ou matrícula de honra no concerto fin de carreira das ensinanzas superiores da música no ano académico 2008-2009, en calquera dos dous conservatorios superiores de música de Galicia. Ademais, os aspirantes deberon superar unha proba de selección, que consistiu na execución dun Programa Libre de Concerto, cunha duración máxima de 30 minutos.