A Consellería de Cultura e Educación abre mañá a programación de ‘Galicia escena pro’ cos novos espectáculos das compañías Ghazafelhos, Matarile e Sarabela [1]
A xornada inaugural da mostra inclúe a primeira sesión de ‘showcases’, que terá lugar a partir das 21.30 horas no Salón Teatro con pases duns 20 minutos de seis propostas de teatro para público adulto e infantil
A Agadic organiza este encontro, que se desenvolve en cinco escenarios de Santiago ata o próximo mércores día 6 coa participación de 22 formacións galegas de teatro, danza e novo circo
Xunto co medio centenar de programadores acreditados, o público xeral tamén poderá acceder de xeito gratuíto ás representacións en función das butacas dispoñibles e previa retirada das localidades nas billeteiras de cada espazo
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inaugura mañá día 4 a programación de Galicia Escena Pro, a nova mostra de artes escénicas que, organizada pola Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), busca dinamizar a contratación dos espectáculos galegos ao tempo que dota de maior visibilidade a produción escénica máis recente. Os novos espectáculos de Teatro Ghazafelhos, Matarile Teatro e Sarabela Teatro, así como outras seis propostas en formato showcase, abrirán este encontro profesional, que se celebra ata o vindeiro mércores en cinco espazos de Santiago coa participación de 22 compañías de teatro, danza e novo circo.
O Salón Teatro, o Teatro Principal, a Fundación SGAE, o Auditorio Novagalicia Banco e o Auditorio da Universidade son as cinco sedes deste evento, que congregará máis de cincuenta programadores e axentes culturais galegos, ademais de ofrecer ao público xeral a posibilidade de acceder de balde ás funcións, sempre segundo as butacas que queden dispoñibles tras o acceso dos profesionais acreditados. Os espectadores poderán retirar as súas entradas nas billeteiras do espazos correspondentes, que abrirán unha hora antes do comezo de cada representación.
Comedia culinaria
A xornada inaugural de Galicia Escena Pro dará comezo mañá ás 13.00 horas na Fundación SGAE co espectáculo de teatro infantil ‘Bon appétit’, de Teatro Ghazafelhos. Dirixida por Pepablo Patiño, quen tamén forma parte do elenco xunto a Montse Piñón e Jorge Casas, nesta "comedia total en clave de clown" tres chefs intentarán descubrir os segredos da cociña galega seguindo o prestixioso libro de receitas ‘A cociña galega’, de Álvaro Cunqueiro. Explosións, trompazos, sustos e malos entendidos son os ingredientes desta produción, especialmente ideada para espectadores de entre 3 e 7 anos de idade.
Pola súa banda, Matarile Teatro participa neste programa con ‘Staying Alive’, o espectáculo de danza co que a formación compostelá regresa aos escenarios catro anos despois da súa anterior produción e como compañía en residencia na Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela. Ana Vallés é a autora e directora desta montaxe, na que tamén comparte escenario con Mónica García, Nuria Sotelo e Rut Balbís. Esta representación terá lugar ás 16.00 horas no Auditorio da Universidade, cun aforo reducido que quedará limitado aos profesionais acreditados.
Estrea
A continuación, Sarabela Teatro presentarase no Teatro Principal ás 18.30 horas coa estrea absoluta da súa nova produción, ‘A idade da pavía’, obra de Arístides Vargas que conta a historia de tres xeracións dunha familia de mulleres a través da mirada inocente de dúas nenas. Ánxeles Cuña dirixe esta traxicomedia, que interpretan Sabela Gago, Nate Borrajo, Fina Calleja e Fernando Dacosta.
Trala representación destes tres espectáculos en formato completo, a actividade trasladarase ao Salón Teatro coa primeira das dúas sesións de showcases programadas dentro de Galicia Escena Pro. Mañá, a partir das 21.30 horas, sucederanse seis pases dun máximo de 20 minutos correspondentes a outras tantas propostas, catro delas pensadas para público adulto e as dúas restantes, para público infantil.
Abrirá a noite Catro Cadeiras, compañía de nova creación que presentará ‘O feo’, con dirección de Juan Carlos Corredoira a partir do texto de Marius Von Mayenburg e con Manuel Polo, Xoán Abreu, Machi Salgado e Laura Campos na interpretación. Inmediatamente despois será a quenda de Obras Públicas con ‘Bye, Bye, Honey’, unha proposta de teatro musical ambientada nun contorno social de clase baixa no que, porén, hai espazo para o humor, o amor e a música. José Prieto é o autor e director deste espectáculo que poñen en escena Iolanda Muíños, César Goldi, Carlos Mosquera "Mos", Ramón Orencio, Chechu Mosquera e Fran Facal.
O terceiro showcase correrá a cargo de Os Monicreques de Kukas e o seu ‘Xan Perillán e a maleta máxica’, unha montaxe para público infantil e familiar que ofrece unha combinación de teatro de actor, monicreques e maxia. Marcelino de Santiago é o autor e intérprete desta creación, dirixida por Isabel Rey. De seguido, Producións Teatráis Excéntricas ofrecerá un avance do seu espectáculo ‘Da Vinci tiña razón’, obra de Roland Topor que, en palabras da propia compañía, "imita, para mofarse, a forma da comedia burguesa de sofá e moble-bar". Evaristo Calvo, María Costas, Víctor Mosqueira, Ana Sanmartín, Santi Romay e María Garat integran o elenco, baixo a dirección escénica de Quico Cadaval.
Da man de Talía Teatro chegará unha nova proposta de teatro familiar, especialmente recomendada para espectadores de 7 a 12 anos. ‘Xangó. A moi extraordinaria historia do home que foi engulido por unha máquina’ é o título desta peza escrita e dirixida por Diego Rey e con Dani Trillo e Toño Casais na interpretación.
Por último, Teatro Galileo pechará a primeira xornada de exhibición de Galicia Escena Pro con ‘Desfeitos’, unha comedia urbana escrita pola autora arxentina Febe Chaves, dirixida por Pedro Rubín e protagonizada por Fernando Morán, Ana Santos e Xosé López Baño "Tanas". Humor, suspense e moitas ganas de amor son os ingredientes deste texto, que sitúa a acción nun baño público de homes para propoñer unha reflexión sobre os vínculos humanos e a amizade.
O programa completo dos tres días de actividade de Galicia Escena Pro pode consultarse e descargarse desde a páxina web da Agadic: www.agadic.info [2]