O sábado 14 de xaneiro celébrase a Conferencia Internacional Confint-Galicia “Coidemos o Planeta”, desenvolvida pola Axenda 21 Escolar de Galicia [1]
Enviado por juliatabo a Xov, 12/01/2012 - 12:25Neste evento, a celebrar no Museo Pedagóxico en Santiago de Compostela, daranse cita os estudantes, profesores e pais, en representación dos centros adscritos á Axenda 21 Escolar de Galicia. Expoñerán e compartirán propostas para a protección do planeta, previamente debatidas nas aulas.
Sairán elixidos os 20 alumnos que representarán á nosa comunidade na Confint-España, a celebrar os días 26 e 27 deste mes en Vitoria-Gasteiz, compartindo experiencias cun centenar de mozos de Cataluña, País Vasco, Madrid, Albacete e Canarias.
De aí á Confint-Europa, que contará con dous portavoces galegos, en Bruxelas do 14 ao 16 de maio.
O fin último destas actuacións non é outro que o de dar voz aos mozos sobre os retos do desenvolvemento sostible, chegando a unha declaración final que será froito de numerosos debates e reflexións colectivas a nivel dos centros educativos.
A secuencia de accións culminará coa Confint 2012 en Río de Janeiro (Brasil), do 4 ao 6 de xuño, que se fará coincidir co Cumio da Terra Río+20. Neste evento rapaces de diferentes países terán a oportunidade de poñer en común as súas sensibilidades ambientais, promovendo a asunción de responsabilidades individuais e colectivas, e contribuíndo ao fortalecemento da Década da Educación para o Desenvolvemento Sostible (ONU/UNESCO). A súa mensaxe sobre os problemas medioambientais (locais e globais) a escala mundial trasladarase ás autoridades políticas.
Todo un exemplo de participación democrática
As distintas etapas polas que discorre a Conferencia Internacional Infanto-Xuvenil teñen un marcado carácter interactivo e de amplo alcance, mobilizando a estudantes, docentes e comunidades locais.
Concíbese como unha iniciativa de construción social onde as opinións dos máis novos son valoradas e respectadas, instando ao intercambio, a deliberación e o acordo de propostas. Como resultado deste proceso elíxense aos representantes que expoñerán as súas ideas a nivel rexional, estatal e continental ata chegar ao ámbito internacional definido polo Cumio de Río+20, onde se dará forma á mensaxe a trasladar ás autoridades políticas sobre os problemas medioambientais (tanto locais como globais),que afectan ao noso planeta Terra.
O precedente da Confint 2010
Na Confint 2010, celebrada en Río, elaborouse unha carta de responsabilidades dos mozos do planeta, na que se inclúe unha serie de prácticas que priorizan, entre outras cuestións, o uso eficiente dos recursos, apostando por un consumo responsable; a redución da contaminación da auga e das emisións de gases de efecto invernadoiro, contando para isto co apoio do goberno e o tecido empresarial; a estimulación da agricultura sostible, libre de agrotóxicos e transxénicos; o fortalecemento da educación e a cultura ambiental, instando á activa participación da cidadanía na preservación do medio ambiente; a creación de grupos ecolóxicos que protexan a biodiversidade; a promoción do transporte limpo; e o fomento da política dos cinco R (reflexionar, rexeitar, reducir, reutilizar e reciclar).
Website:
Tema:
Sección: