Xesús Vázquez Abad entrega os premios á excelencia musical da VI edición Mans Futuro 2011, na Coruña [1]
No acto, organizado pola Fundación Paideia, estivo presente a súa presidenta, Rosalía Mera, e foron premiados cinco músicos
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, entregou hoxe os premios correspondentes á VI edición do recoñecemento musical á excelencia musical Mans Futuro 2011. A concesión dos galardóns foi realizada pola presidenta da Fundación Paideia, Rosalía Mera; o director de proxectos de dita entidade, Guillermo Vergara; e o director xeral de Educación, Formación Profesional, e Innovación Educativa da Consellería, Manuel Corredoira.
Nesta edición os galardoados foron, co primeiro premio Emilio Alonso Espasandín, alumno de clarinete, que foi no acto interpretou Fantasie de Jörg Widmann. O segundo premio foi para Álvaro Blanco Seoane, estudantes de piano; o terceiro para Antonio Romero Cienfuegos, de contrabaixo. Ademais, recibiron mencións de honra Martín Naviera Grela e Iria Rodríguez Cuevas, alumnos de trompa e canto, respectivamente.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa así a fomentar a excelencia dos estudantes dos conservatorios superiores de música de Galicia, con iniciativas que recoñecen o seu esforzo e traballo diario. Como premio, os galardoados gravaron un CD, que foi mesturado, editado e masterizado, no estudo MANS, dependente da Fundación Paideia.
Proxección do alumnado
Estes premios, promovidos a través de MANS estudio de gravación, serven como proxección para os mozos e mozas galegos, recollendo o seu traballo coa gravación e promoción dun CD.
Para acceder a estes galardóns os alumnos e alumnas debía ter acadado a cualificación de sobresaliente ou matrícula de honra no concerto fin de carreira das ensinanzas superiores da música no ano académico 2010-2011, en calquera dos dous conservatorios superiores de música de Galicia. Ademais, os aspirantes deberon superar unha proba de selección, que consistiu na execución dun Programa Libre de Concerto, cunha duración máxima de 30 minutos.