Teatro do Aquí volve aos escenarios con “Criaturas”, de Roberto Vidal Bolaño, co apoio da Consellería de Cultura e Educación [1]
A compañía na que o dramaturgo homenaxeado no Día das Letras desenvolveu a última parte da súa traxectoria profesional coproduce co Centro Dramático Galego unha nova versión do emblemático espectáculo que se representara no ano 1999
O secretario xeral de Cultura e o director do CDG participaron hoxe na presentación da montaxe, que se estreará o 19 de abril en Narón con dirección escénica de Evaristo Calvo e un elenco integrado por Belén Constenla, Marcos Orsi, Vicente de Souza e Xoán Carlos Mejuto
A Fundación Autor da SGAE e a empresa Kachet tamén colaboran no proxecto, que ofrecerá funcións en 7 localidades galegas ata finais de maio e pechará 2013 no Salón Teatro de Santiago
A compañía Teatro do Aquí estrea o vindeiro 19 de abril en Narón a nova versión de Criaturas, o emblemático texto de Roberto Vidal Bolaño que volve aos escenarios a cargo de Teatro do Aquí e co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través dun réxime de coprodución co Centro Dramático Galego (CDG).
Nesta ocasión, será Evaristo Calvo que asuma a dirección escénica de Criaturas para repoñer o espectáculo que se representara con grande éxito ás ordes de Vidal Bolaño no ano 1999. Contará para este fin cun elenco integrado por algúns intérpretes que xa participaran naquela primeira posta en escena, como é o caso de Belén Constenla e Xoán Carlos Mejuto, aos que agora se suman Marcos Orsi e Vicente de Souza.
A iniciativa, que foi presentada esta mañá nunha rolda de prensa que contou coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e do director do Centro Dramático Galego, Manuel Guede, enmárcase nas actividades que a Consellería promove para a divulgación e difusión da figura e da obra do dramaturgo compostelán ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Ademais, supón o reencontro co público da compañía na que o autor desenvolveu a última etapa da súa fecunda traxectoria profesional.
No acto de presentación tamén interviron Belén Quintáns, viúva de Roberto Vidal Bolaño e titular de Teatro do Aquí; Evaristo Calvo, director do espectáculo; así como Juan Carlos F. Fasero, director territorial da SGAE (Sociedad General de Autores e Editores) e Francisco Viéitez, xerente de Kachet, colaboradores tamén no proxecto.
Ampla distribución
Criaturasestará a fin de semana do 19 e 20 de abril en Narón para iniciar despois unha xira que chegará a sete localidades galegas: Oleiros (26 e 27 de abril), Muros (3 e 4 de maio), Vilagarcía (10 de maio), Santiago de Compostela (do 15 ao 17 de maio), Brión (18 de maio), Illa de Arousa (24 de maio) e Teo (25 de maio).
Ademais, e dentro do marco de acción establecido co CDG, o Salón Teatro exhibirá Criaturas do 12 ao 15 de decembro como homenaxe de peche ao Ano Vidal Bolaño e dentro dun programa dobre que inclúe funcións doutra das coproducións centradas este ano na reivindicación do autor, como é o espectáculo BailadELAS, que tamén se estreará no mes de maio a cargo de Teatro Antroido.
Criaturas bolañanas
En Criaturas, peza distinguida co Premio Eixo Atlántico 1999, co Premio María Casares 2000 ao mellor Texto Orixinal e co Premio Max para textos en galego en 2001, Roberto Vidal Bolaño indaga e pon de manifesto o que a razón ou a civilización pode ter producido de monstruoso nas persoas ou no que nas rodea. Así, a través de personaxes anónimos e cotiáns, perfílanse criaturas que veñen suxeridas da observación da propia realidade e como pretexto para poñer ao descuberto trazos insospeitados a partir da súa aparente normalidade.
Vidal bolaño válese do mito de Frankestein como recurso dramático, cando o monstro, antes de se illar definitivamente da civilización, achégase ao noso presente para observalo por derradeira ocasión, nunha viaxe feita dende o humor, a ironía e o sarcasmo.
A volta de Teatro do aquí
Roberto Vidal Bolaño fundou xunto con Belén Quintáns Teatro do Aquí en 1992, compañía coa que puxo en escena o máis poderoso da súa produción dramática e coa que, ata o ano da súa morte, en 2002, se dedicou con plenitude ao campo teatral, non só como dramaturgo, senón tamén como actor e director, iluminador ou escenógrafo.
Desta época son as montaxes Saxo Tenor (1993), Días sen gloria (1993), A ópera de a patacón (1994), Touporroutou da lúa e do sol (1994), Odesengano do prioiro (de Ramón Otero Pedrayo, 1995), Anxeliños (1996), Rastros (1997), Doentes (1998), Sen ir máis lonxe (1999), Criaturas (1999) e Os papalagui (2000), entre outras. En 2002, Teatro do Aquí presenta Animaliños, o derradeiro traballo dramático de Vidal Bolaño, no que el mesmo achega o texto, a dirección, o espazo escénico e a iluminación.
A pesar da morte do seu fundador, a compañía mantense activa ata o ano 2006 estreando os espectáculos O cabodano (de Euloxio R. Ruibal, 2002), Camiño longo (de Luís Rei, 2004), Farois vermellos (de Martín Descalzo, 2003) e A ópera de a patacón (de RVB, 2005); e agora, co gallo da dedicación do Día das Letras a Vidal Bolaño, volve aos escenarios coa reposición de Criaturas.