O calendario de Feiras do Libro arrinca a súa andaina o vindeiro venres en Ferrol da man da Consellería de Cultura e Educación [1]
En colaboración coa Federación de Libreiros de Galicia a Consellería, a través da Secretaría Xeral de Cultura, apoia este ano catro feiras máis que na pasada edición
O programa de actividades culturais que se desenvolven arredor destes eventos amplíase con iniciativas novidosas e unha oferta de lecer para toda a familia
Entre os meses de abril e de agosto, as Feiras do Libro de Galicia percorrerán os concellos da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra, Ourense, Lugo, Ferrol, Viveiro, Foz, Monforte e Rianxo
O calendario de Feiras do Libro 2013 arrincará o vindeiro venres 19 de abril en Ferrol a súa andaina da man da Federación de Libreiros de Galicia e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que este ano apoia catro citas máis que a pasada edición. Así, despois de pasar por Ferrol, as feiras percorrerán entre abril e agosto as localidades de Santiago de Compostela (27 de abril - 5 de maio), Lugo (14 - 19 de maio), Ourense (4 - 9 de xuño), Vigo (28 de xuño - 7 de xullo), A Coruña (1 - 11 de agosto) e Viveiro (13 - 16 de agosto). As novas citas serán as de Pontevedra (21 - 26 de maio), Rianxo (25 - 27 de xullo), Foz (17 - 20 de agosto) e Monforte (22 - 25 de agosto).
A colaboración entre Consellería e Federación de Libreiros renóvase este ano co obxectivo de darlle un novo pulo a estes eventos como focos dunha variada oferta cultural para as familias e como unha oportunidade de difusión da actividade do sector editorial. Así, paralela á actividade das casetas, as Feiras do Libro 2013 contarán cun completo programa de actividades culturais, artísticas e de animación de rúa, entre outras, para a dinamización efectiva destes eventos. Co seu apoio ás feiras, o obxectivo da Consellería de Cultura e Educación é impulsar o desenvolvemento e difusión da cultura galega, co seu apoio, xunto co editorial, a outros sectores da cultura galega, a través da aposta polos artistas de base e polas compañías galegas.
Unha edición máis a Consellería, a través da Secretaría Xeral de Cultura, aposta por facer das Feiras do Libro un escaparate único para dar a coñecer a actividade do sector do libro galego, así como para a difusión e o fomento do hábito lector entre a cidadanía e unha oportunidade para a unión e o intercambio de ideas entre os libreiros.