Si eres usuario: Acceso

Perseguimos a formación das persoas nos valores que favorecen a liberdade persoal, a responsabilidade, a cidadanía democrática,a solidariedade, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza que constitúen a base da vida común.

CONCURSO DE CURTAMETRAXES

A oficina de coordinación de transplantes de Galicia, en colaboración co SERGAS e coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pon en marcha un concurso de curtametraxes, dirixido ao alumnado de Bacharelatos e ciclos formativos de grao medio, co fin de sensibilizar á sociedade coa necesidade de fomentar a doazón de órganos.

O concurso estará aberto ata o día 20 de abril de 2009; pódense consultar as bases nos documentos adxuntos a esta nova.

Proceso de dó nos centros educativos galegos

A morte dos seres queridos do noso alumnado é un tema que preocupa a gran parte do noso profesorado. Por tal motivo, foi obxecto dun amplo artigo no último número da revista Saudiña, que podedes consultar tamén neste portal. Si queredes ampliar os contidos que nela se desenvolvían, podedes descargar desde aquí a guía para os procesos de dó, que se atopa tamén no portal temático de convivencia.  

CONMEMORACIÓN DO 60ª ANIVERSARIO DOS DEREITOS HUMANOS

O día 10 de decembro deste ano, cúmprense 60 anos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. ONGs, Fundacións e Institucións de distinta índole ten preparados actos  na nosa comunidade autónoma para reivindicar a vixencia dos Dereitos Humanos, así como a necesidade de continuar coa súa esixencia.

Exposición muller e ciencia

A exposición Muller e Ciencia veu a luz no marco do Curso Mulleres Conformando a ciencia, enmarcado nas actividades que a Unidade de Muller e Ciencia está a desenvolver actualmente. Consta de 20 paneis expositivos, nos que se debuxa un percorrido polas biografías e achegas científicas máis destacadas dalgunhas mulleres, desde o mundo clásico ata o século XX.Estes paneis constitúen por isto  unha importante ferramenta didáctica que, ao mesmo tempo que visibiliza as dificultades e atrancos que estas mulleres superaron no momento que lles tocou vivir, amosa os seus descubrimentos nos distintos ámbitos científicos.

A exposición pode visitarse actualmente no MUPEGA, en Santiago de Compostela o, virtualmente, desde aquí.

programa para a formación en valores, Aulaforo Caja Madrid 2008-2009

 Como sabedes por anteriores edicións, o programa Aulaforo Caja Madrid 2008-09 ten o obxectivo de promover e mellorar os hábitos democráticos nas aulas galegas. Mediante a información, o debate e o voto, o alumnado de ESO ten a ocasión de expresar o seu grao de implicación e preocupación acerca de diferentes temas do seu interese.

Dúas votacións, unha ao principio do proxecto e outra despois de ter dialogado e debatido na aula permiten confeccionar o barómetro "aulaforo", que reflicte a evolución do grao de preocupación do alumnado sobre os temas tratados.

Pode vostede ter máis información deste proxecto en www.aulaforocajamadrid.net, que ademais, facilita o intercambio de opinións entre o alumnado das aulas participantes. Ademáis, permite ao profesorado introducir os resultados das votacións efectuadas na aula e descargar os contidos do programa.

No arquivo adxunto poden vostedes ver o díptico informativo deste programa.

PRIMEIRO PREMIO NACIONAL PARA O CENTRO SAN XOÁN DE FILGUEIRA

O CEIP San Xoán de Filgueira, de Ferrol, ven de ser galardoado co Primeiro Premio Nacional de Boas Prácticas de Convivencia 2008, convocado polo Ministerio de Educación, Política Social e Deporte. Este centro ten unha ampla traxectoria traballando pola mellora da convivencia escolar e a consecución dunha sociedade comprometida cos valores. O CEIP San Xoán de Filgueira está a traballar no ámbito Valora-Interculturalidade, polo que todas as persoas que traballamos en Valora queremos darlles a enhoraboa. Ánimo a todos e todas para seguir traballando nas cousas que de verdade, nos importan

25 de novembro: día contra a violencia de xénero

O día 25 de novembro é a data conmemorativa internacional da loita contra a violencia de xénero. Non é unha data ao azar, xa que foi escollida para homenaxear o asasinato das irmás Patricia,  Minerva e María Teresa Mirabal, que tiveron un activo compromiso na loita e na defensa dos dereitos das mulleres. Morreron tal día como hoxe en 1960, a man da policía secreta do dictador Trujillo, na República Dominicana. A investigadora Ana Maríñez Álvarez realizou un serio traballo sobre estas irmás, xunto a outras investigadoras e docentes que loitan para que as súas mortes non caian no esquecemento.
Varios son os recursos que podedes atopar para traballar co alumnado esta data, un deles, é unha miniquest sobre as irmás que pode ser traballada polo alumnado de primaria e que é obra de Ana Hermoso e de Fernando García, do CEIP San Walabonso.

 Así mesmo, podedes atopar unha ampla serie de recursos educativos para traballar esta temática no Directorio de Recursos Educativos para la igualdad y la prevención de la violencia de género, xa que moitos son os centros educativos galegos nos que este día está presente nas súas actividades. Desde o portal Valora, sumamos a nosa palabra para denunciar agresións que aínda hoxe, lamentablemente, ocurren ao noso redor, e que soamente un firme compromiso coa educación dos nosos nenos e as nosas nenas, pode cambiar. Como vos decimos sempre, este portal está aberto para difundir todas aquelas accións e experiencias que neste eido, levades a cabo na nosa comunidade.

Día Internacional dos nenos e das nenas

O vindeiro día 20 de novembro é o Día Internacional dos nenos e das nenas. Con tal motivo, o portal Valora quere axudarvos a conmemorar esta data, a través dunha serie de documentos de base, que vos poden servir de axuda. Así mesmo, se algún centro ten algunha experiencia que queira compartir con todos nós, ten ao seu dispor un espazo neste portal colaborativo, feito entre vós e nós.

O día tivo a súa orixe en 1954, cando a Asamblea Xeral de Nacións Unidas recomendou a todos os países a institución do Día Universal do Neno, dedicado á fraternidade e á comprensión entre os nenos e as nenas do mundo. A Asamblea suxeriu aos gobernos que celebraran o Día na data que cada un deles considerara oportuno. O día 20 de novembre marca a data na que a Asamblea aprobou a Declaración de los derechos del Niño en 1959 e a Convención sobre los Derechos del Niño en 1989.

Ao mesmo tempo, é útil completar esta información con outros recursos paralelos que completan a situación multilingüe que se está a vivir nas nosas aulas galegas; entre estes documentos, destaca a Declaración Universal da Diversidade cultural, da UNESCO, que tamén podedes ver en varios idiomas, e que podedes empregar nos casos de alumnado plurilingüe dos vosos centros, premendo aquí.

AVISO PARA OS CENTROS VALORA

Este aviso é para os/as coordinadores/as dos proxectos Valora;

Seguramente no presente curso académico haberá profesorado que se dea de alta e outro de baixa do Plan Valora nos vosos centros. Para comunicarlo, tedes que enviarnos unha relación, primeiro, do profesorado  que se incorpora ao Plan e segundo, do profesorado que o abandoa, asinada polo director/a mais o/a cordinador/a e o carimbo de centro.

Tedes que facénola chegar á Dirección Xeral de Ordenación Educativa. Consellería de Educación e O.U. San Caetano, 15781, Santiago de COmpostela, antes do día 15 de novembro.

Recibide unha aperta moi cordial e moitos ánimos neste inicio de curso

CAMPAÑA DE VACINACIÓN FRONTE AO VIRUS DO PAPILOMA HUMANO

 

A Consellería de Sanidade ven de incluír no calendario de vacinación de Galicia a vacina fronte ao virus do papiloma humano, destinada ás nenas que teñan 14 anos desde o pasado mes de xullo. Estas vacinas demostraron ser seguras e eficaces para protexer fronte a unha alta porcentaxe de cancro de cervix. No documento adxunto, podedes atopar toda a información dispoñible sobre este tema, dirixida persoalizadamente ás nenas desa idade.

Distribuir contido