Cultura

Gregory Porter actuará o 26 de xullo no Gaiás dentro do ciclo ‘Pel de Galiña’, que promove a Consellería de Cultura e Educación
Considerado unha das voces máis brillantes do jazz actual, Gregory Porter actuará a partir das 21 horas xunto ao saxofonista Yosuke Sato, Chip Crawford ao piano, Aaron James ao contrabaixo e Emanuel Harrold á batería
As entradas xa están a venda en www.servinova.com e no Punto On da Cidade da Cultura
Dom, 14/07/2013 - 09:36
Gregory Porter

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria clausura o vindeiro 26 de xullo o ciclo Pel de Galiña no Museo Centro Gaiás coa actuación dunha das voces máis brillantes do jazz actual: Gregory Porter. O concerto arrancará ás 21:00 horas e as entradas xa están á venda a partir de 10 euros en www.servinova.com e no Punto On da Cidade da Cultura de Galicia.

Cunhas composicións cheas de compromiso social cunha mestura perfecta de jazz e soul, Gregory Porter desembarcará no Gaiás á fronte dun cuarteto formado polo saxofonista Yosuke Sato, Chip Crawford ao piano, Aaron James ao contrabaixo e Emanuel Harrold á batería. Esta formación ofrecerá un estilo e unha visión do mundo propia a través de temas dunha enorme intensidade emocional.

Influenciado por una mestura da sensibilidade de Nat King Cole, a profundidade de Joe Williams e o soul de Donny Hathaway, Porter Gregory logra un son persoal que o fai único, cunha voz que se pode acariñar, abrazar ou enfrontar.
Porter iniciou a súa carreira musical en pequenos clubs de San Diego e deuse a coñecer sobre escenarios de Broadway co musical Ain’t Nothing But the Blues para logo facer do mundo o seu fogar musical e lanzar a súa carreira no 2010 con Water, polo que conseguiría unha nominación aos Grammy na categoría de mellor álbum de jazz vogal, e ao que seguiría Be Good no 2012.

Entradas a partir de 10 euros

As entradas xa están á venda e os prezos oscilan entre os 10 euros na Zona B e os 12 na Zona A, prezos aos que haberá que sumarlles os gastos de xestión no caso de que se adquiran no portal ou no teléfono de Servinova. As entradas tamén poderán adquirirse o mesmo día do concerto desde as 19:00 horas na billeteira do Museo Centro Gaiás a un prezo de 12 euros na Zona B e de 15 euros na Zona A.

A Cidade da Cultura tamén pon a disposición do público o pack3, polo que ao mercar dous billetes, o terceiro sae a un euro, é dicir, un total de 21 euros na Zona B e 27 euros na Zona A. Este pack3 só está dispoñible en venda anticipada a través do teléfono de Servinova 902 504 500 e consumible nun único concerto.

Música que emociona

Coa actuación de Gregory Porter, Cultura e Educación ponlle fin ás cinco noites abertas á fusión, ás voces poderosas e cálidas e aos sons únicos. Cinco actuacións que deron corpo ao ciclo Pel de galiña e que arrancou en maio coa grande actuación de Noa xunto ao cuarteto napolitano Solis String Quartet e á que seguiu Silvia Pérez Cruz e Javier Colina Trío, a pianista venezolana Gabriela Montero e Uxía.

Todos eles conformaron un cartel marcado pola diversidade de estilos pero unido por un denominado común: ofrecer música que emociona. Con este ciclo, a consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa afondando na configuración dunha programación para o Gaiás aberta a todos os públicos e ás máis diferentes disciplinas artísticas. Un programa cultural que non sería posible sen as aportacións da Fundación privada Gaiás, que financia as actividades que teñen lugar na Cidade da Cultura.